O obxectivo é homenaxear ás persoas que sofren estas doenzas e visibilizar estas patoloxías
O Concello de Nigrán súmase un ano máis á celebración do ‘Mes da artrite e da espondiloartritis” coa iluminación de cor verde da Casa do Concello esta noite do 1 de outubro, Día Nacional da Artrite, tal e como solicitan desde a Asociación Enfermos Artrite Pontevedra (Asearpo) con sede en Redondela a través da Coordinadora Nacional de Artrite. O obxectivo é homenaxear ás persoas que sofren estas doenzas e visibilizar estas patoloxías descoñecidas para a maior parte da poboación (a iniciativa naceu no ano 2015 en cidades como Madrid, Vigo, Santiago, Huesca ou Valencia).
A artrite é a inflamación dunha ou máis articulacións. Os principais síntomas da artrite son dor e rixidez das articulacións, que adoitan empeorar coa idade. Os tipos máis frecuentes de artrites son a artrose e a artrite reumatoide. Estas patoloxías caracterízanse por períodos de maior ou menor actividade e poden causar dores moi intensas, chegando a dificultar tarefas cotiás tan simples como abotoar unha camisa ou atar uns zapatos. Cómpre destacar que non afectan unicamente a persoas maiores, senón tamén a mozos e mesmo a nenos.

