Medio cento de veciños do municipio figuraron como presos nesta película e Isabel Álvarez, alumna da Escola Municipal de Teatro de 92 anos, como nai dun reo
O propio alcalde de Nigrán, Juan González, colaborou como extra e previamente achegando documentos orixinais ao ter investigado e escrito sobre San Simón na súa etapa como historiador
O Concello de Nigrán informa da estrea esta fin de semana no Cine Imperial da Ramallosa da longametraxe ‘San Simón’, dirixida por Miguel Ángel Delgado. As sesión son este venres e sábado ás 19:15 e 22:45 horas e o domingo ás 17:00, 19:30 e 22:45 horas respectivamente.
A cita é especialmente agardada no municipio, xa que na gravación desta película que recupera a memoria da illa como campo de concentración franquista participaron preto de medio cento de veciños como figurantes, entre eles o propio alcalde de Nigrán, Juan González, quen tamén colaborou previamente coa produtora achegando documentos orixinais ao ter investigado e escrito sobre San Simón na súa etapa como historiador ( no libro ‘Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón’ recolleu a testemuña dos superviventes). “Foi un traballo que tivo bastante repercusión no seu momento porque foi un dos primeiros nos que se usou a memoria oral, tivemos a sorte de poder falar con protagonistas daquel inferno, o libro é de 1995”, rememora o rexedor, quen confesa “especial ilusión en poder vela no Imperial, o gran sobrevivente en toda España dos cines independentes”, xa que leva en activo e nas mans da mesma familia desde a súa apertura o 1 de febreiro de 1948.
Os figurantes de Nigrán, todos homes de mediana idade e anciás, fixeron de presos, mentres que Isabel Álvarez, alumna da Escola Municipal de Teatro de 92 anos, aparece como nai dun reo. Todos eles acudiron en abril de 2024 a rodar ao convento de Santa Clara de Pontevedra, que simulaba ser o sanatorio da prisión.

