HomeVigoNigránO concello de Nigrán inicia as obras de remodelación da alameda da...

O concello de Nigrán inicia as obras de remodelación da alameda da Ramallosa cun investimento de preto de 1 millón de euros

- Anuncio -spot_img

Terán unha duración de 6 meses e o obxectivo é potenciar o carril-bici trasladándoo ao litoral, rehabilitar toda a superfie, ampliar o parque infantil ou aumentar o arbolado e zona verde

Redeséñase toda a zona para que resulte máis amable e accesible para todas as persoas”, explica o alcalde

Seguindo un enfoque inclusivo, o parque infantil disporá dun gran conxunto de xogos musicais único na comarca. A maiores, constará dun faro con redes trepadoras, tobogán, túnel ou pasarelas

O Concello de Nigrán iniciou esta semana a remodelación da Alameda da Ramallosa de cara a mellorar a calidade de ocio da veciñanza neste lugar de especial interese paisaxístico e co obxectivo de por en valor este núcleo neurálxico. As obras foron adxudicadas á empresa Oresa Construcciones y Servicios Globales S.L. cun orzamento de 962.197 € incluídos no ‘Programa Pon2030’ da Deputación de Pontevedra (programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da axenda 2030) o que implica que a Deputación achegará 769.757 € e o Concello o resto, debendo estar rematadas no prazo máximo de 6 meses.

“A superficie estaba en moi malas condicións, provocando tropezos, e o carril bici resultaba inseguro e xeraba confluencias conflictivas, polo que se redebuxa toda a zona para que resulte un lugar máis amable e accesible para todas as persoas”, explica o alcalde, Juan González, quen incide no obxectivo de “revitalizar” todo o núcleo da Ramallosa, como xa se fixo co gran mural de Lula Goce ao carón da piscina e antes co rescate do parking municipal e gratuíto.

A re-humanización inclúe todo este espazo de 10.888 m² ao carón do esteiro do Miñor e do carril bici, plantexando unha modificación no trazado deste último e dos itinerarios peonís, ata agora moi inseguros en tramos como o do Centro da Terceira Idade, onde se producía un corte e unha confluencia conflictiva entre os diferentes usuarios. Por iso, o tránsito de bicicletas trasladarase íntegramente ao paseo litoral para facelo seguro e atractivo, permitindo ademais que o parque medre eses metros gañados ao carril e quedando así a zona infantil perimetrada por barreiras vexetais e novas vallas, o que o fará máis seguro e autónomo para as crianzas . “Este cambio potenciará o uso da bicicleta e beneficiará tanto a usuarios do parque como os da senda peonil e aos ciclistas, trátase de gañar en accesibilidade universal e seguridade viaria”, considera González.

A mellora de toda a Alameda comprende tamén a rehabilitación da súa superficie, moi danada na zona da Capela de San Campio (onde é pedra) e a reposición de céspede e mellora das zonas axardinadas, incluíndo máis arbolado e vexetación en consonancia coa existente e plantas de medio porte que funcionen como elementos de protección. Adicionalmente, substituírase moito do pavimento duro por céspede e dotarase de perímetros de caucho aos elementos de xogo infantil existentes para outorgarlles máis seguridade, cambiase o mobiliario urbano, colocaranse máis bancos e instalaranse aparcabicis na contorna.

Finalmente, o parque infantil está deseñado seguindo un enfoque inclusivo para que todas as crianzas (con ou sen discapacidade) gocen dunha experiencia sensorial, lúdica e social, polo que o principal atractivo será a instalación dun gran conxunto musical único na comarca e que inclúe campás tibetanas, marimba, campás tubulares, xogos de percusión… e a maiores, outro elemento diferenciador será un gran faro escalable que consta de zonas de corda para trepar, tobogán, pontes ou pasarelas.

Publicacións Relacionadas