HomeVigoNigránO Concello de Nigrán inicia as obras para transformar o patio do...

O Concello de Nigrán inicia as obras para transformar o patio do CEIP Carlos Casares nun bosque escola antes de que remate o curso

- Anuncio -spot_img

Investiranse preto de 118.000 € en renaturalizar 5.000 m2 da parcela superior do patio escolar, eliminando os muros de contención e plataformas e creando a cambio un bosque frondoso con diferentes sendeiros e paradas para o xogo e un aula exterior tipo refuxio

O Concello de Nigrán contou para este fin con Fermín Blanco por ser un arquitecto recoñecido en toda Galicia polos seus traballos en colexios, encamiñados todos a integrar a natureza e o xogo no propio centro

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras para transformar o patio superior do CEIP Carlos Casares (Vilariño) nunha zona boscosa baseándose no modelo educativo dos ‘bosques-escola’. Así, as obras de renaturalización de case 5.000 m2 de terreo ubicado na cota máis alta do recinto foron adxudicadas a ‘Construcciones Enrique C.Casas S.L.’ por importe de 117.932 € e estarán rematadas antes de fin de curso. O seguinte centro será o CEIP da Cruz (Camos) onde o Concello licitará obras dirixidas no mesmo sentido. Ambos traballos de paisaxismo foron deseñados por Fermín Blanco a través do programa ‘Mestre de obra’ que el mesmo viu desenvolvendo nestes centros nos pasados cursos coa colaboración da comunidade educativa.

Así, as as obras abranguen case 5.000 m2 das cotas superiores do recinto e buscan integrar no patio con absoluta apariencia natural unha parcela municipal de 2.000 m2 lindeira ao colexio e que no 2018 o Concello bautizou como ‘Souto Casares’ tras realizar unha plantación (ata agora estaba separada físicamente mediante muro e alambrada). Así, primeiramente erradicarase a acacia que invade por completo este zona e, despois, eliminaranse os muros de contención e as plataformas entre os diferentes niveis para, con grandes movementos de terra, crear un bosque-frondoso en pendente conformado por árbores autóctonas que den froito. Este estaría formado seguindo os principios da permacultura, con especies que van diminuíndo a súa porte conforman se achegan ao edificio. Ademáis, disporá de diferentes sendeiros naturais, un deles accesibles, e con paradas de descanso nas que se atopen diferentes xogos, como zona de equilibrios, horta, estanque e refuxio de madeira tipo aula-exterior. Unhas escaleiras permitirán os desprazamentos rápidos entre o bosque. Na parte máis baixa e xa próxima ao propio edificio eliminaranse as pistas actuais para crear un gran xogo de bolos celta, deporte moi arraigado na comarca do Miñor, xunto a un emparrado natural para poder gozar de sombra. “Trátase de renaturalizar o espazo recuperando os taludes naturais”, sintetiza o arquitecto, quen a través do programa ‘Mestre de obra’ desenvolvido os pasados cursos neste colexio liderou a restauración dunha apisonadora municipal como elemento de xogo do patio, a creación dun hotel de insectos ou un xogo efímero para a primeira infancia con boias da praia.

O Concello de Nigrán contou para este fin con Fermín Blanco por ser un arquitecto recoñecido en toda Galicia polos seus traballos en colexios, encamiñados todos a integrar a natureza e o xogo no propio centro educativo (neste sentido, é moi coñecido por ser o artífice do sistema pedagóxico Lupo). “O proxecto busca crear un bosque totalmente natural empregando unha zona invadida de acacias sen que, a súa vez, se note que hai un traballo de deseño previo detrás, o obxectivo é que dé a sensación de que estás nun lugar que sempre foi así”, explica Blanco.

“A mellora vai a ser espectacular e a infancia de Nigrán será a gran beneficiada, que é o que máis nos enorgullece. Imos ser o gran referente educativo de Galicia en canto a transformación positiva dos patios escolares como lugares de experimentación. Hay que ter en conta que foi construído en 1977 cos criterios da época e, desde entón, coma en case todos, o modelo de infraestrutura non se tocou. Con este cambio que introduce o Concello de Nigrán vanse poder mesturar a ensinanza convencional e algúns dos métodos educativos alternativos das ‘escolas-bosque, o que nos situará na vangarda nacional”, considera o alcalde, Juan González, quen acolleu con entusiasmo no 2021 a petición do CEIP Carlos Casares neste sentido da man da presidenta da Anpa nese intre, Lorena Comesaña, quen visitou as obras esta semana xunto co alcalde, a directora do colexio, Carmen Valcárcel, o arquitecto e os técnicos da adxudicataria.

Escolas-Bosque

O movemento ‘Escolas Bosque’ é moi recente en España pero ten décadas de historia en países nórdicos ou o Reino Unido e se basea nas teorías de grandes pedagogos e filósofos, desde Pestalozzi a Fröbel, pasando por Rudolf Steiner ou María Montessori. Moitos sitúan a súa orixe no concepto Friluftsliv dos países Escandinavos, isto tradúcese literalmente como liberdade-aire-vida e fai referencia a unha filosofía de vida baseada na conexión profunda coa natureza e a vida ao aire libre. Trátase dun modelo de educación ao aire libre no que os estudantes visitan espazos naturais para aprender habilidades persoais, sociais e técnicas. “Sería un gran salto de calidade para o sistema educativo de toda a comarca poder mesturar neste colexio de Vilariño a ensinanza convencional cos métodos alternativos do Bosque-Escola, por iso desde o Concello abandeiramos este proxecto, por algo UNICEF nos recoñeceu como Cidade Amiga da Infancia”, resume González.

Publicacións Relacionadas