Por vez primeira en máis de cinco anos a Mancomunidade acadou 23 socorristas na primeira proba de selección, o que xa garante a cobertura dos areais en Baiona e Nigrán ata o 31 de agosto. Igualmente, aprobará outra convocatoria de 8 prazas máis ata acadar os 30
“Levamos xa dous anos ofrecendo desde o Concello o certificado de profesionalidade de socorristas e aquí están os resultados, por primeira vez en moito tempo non temos problema para cubrir os postos”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán iniciou hoxe 1 de Xullo a tempada estival nas súas praias con total cobertura de socorristas despois de anos con dificultades en toda Galicia por falta de profesionais. O Concello recolle deste modo os froitos de ter ofrecido gratuítamente desde 2020 tres cursos para que veciños desempregados obtivesen este certificado de profesionalidade obrigatorio para traballar nas praias. Así, na primeira convocatoria da semana pasada realizada desde a Mancomunidade do Val Miñor superaron as probas os 23 presentados (número xa suficiente para ofrecer o servizo con todas as garantías en Nigrán e Baiona) e a vindeira semana se realizará outra nova de cara a sumar outros 8 profesionais que permitan organizar mellor as quendas de descansos. Esta segunda selección permitirá, ao mesmo tempo, que opten a ela os veciños de Nigrán que están rematando outro dos cursos gratuítos do Concello.
Así, desde o 1 de Xullo ata mínimo o 30 de agosto (se a climatoloxía é favorable se ampliará ata o 15 de setembro) Praia América contará con 3 postos de socorrismo repartidos entre Lourido- zona central e Panxón, e Patos un posto. Estes estarán opertativos de 12:30 a 20:00 horas e atendidos como mínimo por 2 socorristas e 2 voluntarios de Protección Civil.
“Anualmente se repetía o problema de falta de socorristas en toda Galicia coa titulación requirida, polo que ofrecer este curso gratuíto desde o Concello foi un acerto para garantir a calidade asistencial nas nosas praias e, eo mesmo tempo, para favorecer a empregabilidade da xente nova de Nigrán”, explica o alcalde, Juan González. “Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, ese era o motivo polo que había escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias”, engade.