HomeVigoNigránO Concello de Nigrán instala caixas-niño no parque forestal ‘Os Matos Río...

O Concello de Nigrán instala caixas-niño no parque forestal ‘Os Matos Río Táboas’ para estimular a biodiversidade

- Anuncio -spot_img

Esta semana colocáronse 5 para pequenas aves doadas por Medio Rural e nas vindeiras semanas colocaranse outras 20 fabricadas polo CEE Juan María para dar acubillo a diferentes especies. A maiores, escondéronse dúas videocámaras de fototrampeo para coñecer a fauna da zona

O obxectivo é atraer a pequenos paxaros, aves rapaces, morcegos e nocturnas para equilibrar un ecosistema onde todavía están a medrar ás árbores ao ter sido reforestado recentemente

O Concello de Nigrán busca hóspedes con alas e do máis variopinto posible para habitar o parque forestal ‘Os Matos Río Táboas’. Con este obxectivo, iniciou o mércores a colocación de caixas-niño destinadas a pequenas aves e, nas vindeiras semanas, engadirá bastantes máis para atraer a morcegos, rapaces e nocturnas. Mediante esta iniciativa, o Concello quere estimular a biodiversidade no parque e contribuír ao equilibrio natural nun hábitat onde todavía están a medrar as árbores despois de ter sido eliminados os eucaliptos para substituír con especies autóctonas. A maiores, para coñecer mellor a fauna da zona, escondéronse dúas videocámaras de fototrampeo que, mediante sensores, gravan ao detectar movemento.

“Máis alá do estético e fermoso que resulta observar e escoitar variedade de aves o certo é que contribúen ao necesario equilibrio ecolóxico e, aquí, entre os incendios do 2017 e posterior erradicación de eucaliptos e acacias faltan árbores de gran porte que ofrezan un refuxio axeitado ás aves, polo que as caixas-niño resultan especialmente apropiadas nestas circunstancias”, explica o alcalde, Juan González.

Deste xeito, a Brigada Forestal Municipal iniciou esta semana xunto a usuarios do CEE Juan María e axentes do distritio XVIII de Medio Rural a instalación de 5 caixas-niño doadas por estes últimos e destinadas a pequenas aves de xardín. Estas completaranse con outras 20 que fabricarán no módulo ocupacional de carpintería do CEE Juan María e que se corresponderán a tres tipoloxías diferentes para así atraer a morcegos, rapaces e aves nocturnas. “Dependendo da especie a caixa-niño é diferente, cambian en función diso. O orificio de entrada, as medidas, o habitáculo e a súa distribución interior mudan en función do que se quera atraer”, explican os técnicos da Brigada Forestal Municipal, quenes entregaron os planos detallados polo miúdo ao CEE Juan María, que a súa vez se estrea nesta tarefa de construír caixas-niño.

“As aves, ao asentarse, axudan na dispersión de sementes, na polinización de plantas e no control de pragas, pois moitas delas aliméntanse de insectos. Isto converte ás casiñas de paxaros nunha poderosa ferramenta natural de control de pragas, eliminando a necesidade de pesticidas e outros produtos químicos que poderían danar o ambiente e a saúde do chan”, explica Carla Pérez, xefa da Brigada Forestal. Como exemplo: unha parella de curuxas calcúlase que precisa de mil ratos para cebar as seus pitos e un morcego come ata 1.200 mosquitos por hora.

Xunto con esta iniciativa, o Concello adquiríu dúas videocámaras de fototrampeo que, mediante sensores, gravan imaxes ao detectar movemento. Estas irán movéndose por todo o parque para así confirmar a presencia/ausencia de especies, estimar a diversidade, coñecer a abundancia relativa de vertebrados terrestres e a súa densidade, definir patróns de actividade e detectar o seu comportamento. “Queremos coñecer a fauna do parque en profundidade para establecer sempre medidas coherentes e acordes con ela, en resumen, trátase de acadar o necesario equilibrio”, explican.

Publicacións Relacionadas