Quedan prazas vacantes para os xoves de 17:30 a 19:00 en Nigrán ou Panxón os venres á mesma hora. O prezo é de 25 € por todo o curso. As persoas interesadas poden inscribirse no mail grupoteatroar@gmail.com ou na Oficina de Información Cidadá do Concello
Teatro do Ar, encargada da Escola Municipal de Teatro, será novamente quen imparta estas clases. O obxectivo é fomentar as relacións sociais e a saúde a través das artes escénicas
O Concello de Nigrán mantén aberta á inscrición para a actividade municipal de teatro para maiores de 60 anos ao quedar prazas vacantes para os xoves de 17:30 a 19:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán ou os venres á mesma hora no CPI Arquitecto Palacios de Panxón. O custo é de 25 € o curso completo e está impartido por Teatro do Ar. O obxectivo do Concello, que duplicou o número de prazas con respecto ao no pasado, é fomentar unha vida activa e saudable para as persoas maiores. As persoas interesadas poden inscribirse no mail grupoteatroar@gmail.com ou na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán
“Durante todo o ano ofrecemos desde o Concello diferentes cursos de ‘envellecemento activo’ e agora redobramos a aposta do teatro para maiores como actividade municipal específica, porque porque quedou demostrado que facilita a integración social, a memoria e mesmo a mobilidade” , explica o alcalde, Juan González, quen destaca que os maiores “son, precisamente, o público que máis acude ao teatro cada vez que o Concello ofrece funcións”. “Sabemos que hai moito talento no noso Concello e tamén queremos abrir as portas aos máis maiores para que aprenden e se animen a actuar”, engade a edil de Maiores, María Mayán, quen recoñece que foron eles mesmos os que demandaron esta actividade no 2023.
Ademais de aprender a facer teatro, tamén se realizarán actividades para mellorar a mobilidade, as relacións sociais e o benestar dos maiores. “Queremos ensinar que o teatro é unha ferramenta moi completa para mellorar a nosa saúde”, destaca o director de Teatro do Ar e da Escola Municipal de Nigrán, Pedro Rodríguez, quen subliña tamén o talento agochado que hai entre a terceira idade. “O ano pasado demostraron a súa valía representado a súa propia obra ‘Anarquía na residencia’, unha comedia absurda que falaba dun grupo de vellos e vellas que daban un golpe de estado na súa propia residencia para tomar o control das actividades que querían facer”.
“Somos un Concello que presta especial atención ás artes escénicas cunha programación estable cada outono a través de Fegatea, polo que hai moita afección en Nigrán, así que corresponde dispor tamén desde a administración das ferramentas necesarias para que a xente poida facer teatro”, finaliza o alcalde.

