O concello de Nigrán ofrece á Xunta un terreo municipal para a construción de vivendas protexidas

adminON
Lectura mínima de 4

A parcela de 2.370 m² atópase no centro urbano, entre a rúa Telleira e Escritor Xosé María Álvarez Blázquez, e permite a construción dunha promoción de vivendas con baixo, dúas plantas e baixo-cuberta

Gustaríanos que se destinasen preferentemente á mocidade que non se pode emancipar por cuestións económicas, que é o que está a suceder”, explica o alcalde, Juan González

Na reunión trataron outros aspectos vinculados co PXOM ou a cuestión de beiravías en mal estado en estradas de titularidade autonómica, como no núcleo de Priegue e A Ramallosa

O alcalde de Nigrán, Juan González, mantivo este mediodía en Vigo un encontro coa Conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, no que lle trasladou o ofrecemento por parte do Concello dunha parcela de titularidade municipal para desenvolver vivendas de promoción pública. En concreto, o Concello pon á disposición da Xunta unha parcela de 2.370 m² situada en pleno centro urbano, entre a rúa Telleira e Escritor Xosé María Álvarez Blázquez (a escasos da Biblioteca ou da Galiña Azul) e na que se podería construír un edificio da mesma altura que o que ten ao seu carón, é dicir, baixo, dúas plantas e baixo-cuberta.

“Mínimo estamos a falar de oito vivendas que nos gustaría que se destinasen preferentemente á mocidade de Nigrán que non se pode emancipar por cuestións económicas, que é o que está a suceder”, explica o alcalde, quen en calquera caso aposta porque se constrúa vivenda pública no municipio ao non existir ningunha “pese á necesidade imperiosa dela”. “É un problema que se repite en toda España e en Nigrán non somos alleos, por iso desde o Concello queremos por todos os medios ao noso alcance para paliar a situación, neste sentido o novo PXOM será o que veña a solventalo ao destinarse o 30% do novo chan urbanizable a vivendas de protección”, argumenta.

O encontro na delegación da Xunta de Galicia en Vigo servíu tamén para intercambiar información relativa ao PXOM, tendo as dúas administracións o obxectivo de que se aproble provisionalmente antes do verán para que a continuación se envíe á Xunta para a aprobación definitiva. “Estamos na fase final, este mes de abril o equipo redactor nolo achegará para preparalo para levar ao Pleno”, engade.

Finalmente, o rexedor trasladou á conselleira a necesidade de que interveñan nas beirarrúas do núcleo de Priegue e da Ramallosa ao atoparse nun estado deplorable e ser estradas de titularidade autonómica. “Temos queixas constantes da veciñanza ao respecto, e por iso levamos anos pedindo que se reparen”, sinala o rexedor, quen amosou a súa total conformidade a asinar un convenio entre ambas administracións no que a Xunta achegaría o 70% do investimento e o Concello o 30%. “A conselleira informoume de que sería factible este convenio que inclúe que logo o Concello asuma a titularidade da rúa e a nos parécenos perfecto”.

“Saín satisfeito deste encontro porque todas as nosas demandas foron recibidas con moi boa disposición, asi que agora poñémonos a traballar para que de verdade se materialicen”, resume o rexedor.

Comparte este artigo