A iniciativa da familia e do consistorio inclúe unha exposición e diferentes palestras ao seu redor. Cáccamo vivíu moitos anos en Nigrán, onde exerceu de profesor no CPI Arquitecto Palacios
O legado cultural de Alfonso Álvarez Cáccamo será revivido e recordado polo Concello de Nigrán, a súa familia e achegados nunha homenaxe na súa memoria entre os días 25 e 28 de xuño no Auditorio Municipal. O insigne escritor, falecido en marzo de 2023, desenvolveu boa parte da súa vida na localidade, onde exerceu como docente de diferentes xeracións de nigraneses no CPI Arquitecto Palacios de Panxón. O seu piano forma parte da Escola Municipal de Música do Concello de Nigrán por expreso desexo dos seus fillos, quenes doaron o instrumento tras o seu falecemento.
A homenaxe arranca o mércores 25 de xuño coa inauguración ás 19:00 horas no Auditorio Municipal dunha exposición na súa memoria que recopila libros, imaxes, obxectos queridos… A continuación, ás 19:30 horas, terá lugar a palestra ‘A literatura de Alfonso Álvarez Cáccamo’, moderada polo escritor Antón Mascato e coa presenza dos escritores Manuel Forcadela, Gonzalo Navaza, Marga do Val, Xavier Queipo, Xosé Cid Cabido e Marta Dacosta. Ao día seguinte, xoves 26 á mesma hora, o historiador Carlos Méixome dirixirá a palestra ‘Os mundos de Alfonso’ co seu irmá Xosé María como relator. O venres 27 a profesora de Estudos Luso-Hispánicos no Middlebury College de Vermont (EEUU) Laura Lesta García moderará a palestra ‘O humorista Alfonso Álvarez Cáccamo’ coa intervención de membros de revistas de humor como ‘Can sen dono’ e ‘Xó´’, Pepe Carreiro, Xosé Lois González ‘O Carrabouxo’, Lola Vázquez e Antón Mascato. Finalmente, o sábado 28 famila e amizades de Alfonso tomarán a palabra ás 11:30 horas no Auditorio e a xornada se clausurará con todos eles ás 13:00 horas na Praza da Biblioteca.
Alfonso Álvarez Cáccamo (Vigo, 1952-2023)
Alfonso estudou Maxisterio e Filosofía e traballou como docente no CPI Arquitecto Palacios de Panxón, en Nigrán, municipio onde fixo boa parte da súa vida. Articulista de prensa, colaborou en ‘Faro de Vigo’, ‘A Nosa Terra’, e as revistas de humor ‘Can sen Dono’ e ‘Xó!’. Da súa obra literaria narrativa destacan títulos como ‘Peito de vimbio’ (1988); ‘As baleas de Eduardo Reinoso’ (1990); ‘O eco de Ramallón’ (1992); ‘Xente de mala morte’ (1993); Catapulta (1995); ‘O espíritu de Broustenac’ (1996); ‘Contos mamíferos’ (1998); ‘O bosque de Levas’ (2002); ‘A revolución dos globos’ (2008); ‘O destino de Clarescura Lens’ (2012) ou ‘Os Gotten’ (2014). Ao seu pai, Xosé María Álvarez Bázquez (Letras Galegas 2008) dedicoulle unha biografía publicada en 1994. Foi tamén escritor de poesía, publicando as obras ‘Na flor do vento’ (1999) e ‘Sebes contra o vento’ (2009).
Recibiu diferentes premios literarios como O Café de Catro a Catro; o Xerais de novela; o Álvaro Cunqueiro de narrativa; o Modesto R. Figueiredo ou o Manuel Murguía.
Cultivou o humorismo, a música, as artes plásticas, o amor e a amizade, estarricando a vida dende a súa fecunda creatividade e a infinita bonhomía polas que será lembrado.