O Concello de Nigrán ofrece este sábado 9 a película ‘O corno’ dentro da súa programación especial polo 25-N

adminON
Lectura mínima de 3

O filme, rodado en galego e dirixido por Jaione Camborda, gañou o ano pasado a prestixiosa ‘Concha de Oro’ no Festival Internacional de Cine de San Sebastián

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 9 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a película ‘O corno’ dentro da súa programación especial polo 25-N, Día Internacional para a Erradicación da Violencia de Xénero. Rodada en galego e dirixida por Jaione Camborda, o filme foi gañador da prestixiosa ‘Concha de Oro’ no Festival Internacional de Cine de San Sebastián no ano 2023. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Illa de Arousa, 1971. María é unha muller que se gaña a vida recollendo marisco. Tamén é coñecida entre a veciñanza por axudar a outras mulleres no parto con especial dedicación e coidado. Tras un suceso inesperado, vese obrigada a fuxir e emprende unha perigosa viaxe que lle fará loitar pola súa supervivencia. En busca da súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha dos roteiros de contrabandistas entre Galicia e Portugal.

Dentro da mesma programación, o seguinte sábado 16 de novembro ás 20:00 h. no Auditorio Municipal ofrécese a obra de teatro “Comando Comadres”, un espectáculo en clave de humor a cargo da compañía Matrioshka Teatro. Finalmente, o sábado 23 de novembro terá lugar o monólogo “Os contos que elas me contaron”, a cargo de Paula Carballeira, escritora, actriz profesional de teatro e da narración oral.

O Concello de Nigrán deseñou para todo o mes de novembro unha campaña co lema ‘A violencia mídese! Non ignores os sinais’, mostrando nunha imaxe diferentes formas de violencia que se manifestan na vida cotiá e que a maioría das veces non se teñen en conta, ou se confunden. Permite visibilizar a progresión da violencia machista nas relacións de parella, para chamar a atención sobre condutas baseadas en estratexias de illamento, control ou desvalorización que se non se paran a tempo rematan nunha situación de difícil saída ou mesmo a morte.

A maiores, o Concello deseñou actividades como o obradoiro de canto “Con voz propia”, actividade que mestura as estratexias propias do ensino convencional do canto cun enfoque músico-terapéutico, facendo da expresión musical un vehículo para a expresión emocional e o apoderamento das mulleres. Asimesmo, nos centros educativos están tendo lugar as charlas teatralizadas ‘A violencia de xénero nos videoxogos’ e realizarase o contacontos “Somos iguais. Contos pola igualdade”, a cargo de Raquel Queizás.

Comparte este artigo