Trátase dunha comedia de aventuras para toda a familia que mestura teatro e monicreques. É unha adaptación dunha novela de Carlos Labraña e rende homenaxe aos 75 anos da Editorial Galaxia
A recoñecida compañía Tanxarina Títeres chega ao Concello de Nigrán este sábado 20 de decembro ás 19:00 horas ao Auditorio Municipal para representar a súa montaxe ‘A biblioteca galáctica contra a IA fantástica’, dentro da programación municipal de Nadal e encadrada na celebración do 75 aniversario da Editorial Galaxia. A entrada é de balde ata completar aforo e coincide coa celebración do mercado de inverno Bule Bule na Praza do Concello.
Trátase dunha disparatada e trepidante comedia de aventuras, chea de cancións, ritmo e moito humor, que combina teatro e monicreques coa creatividade e a mestría que caracterizan a Tanxarina.
A obra é unha adaptación teatral da novela de Carlos Labraña, editada pola Editorial Galaxia, e convértese nunha homenaxe á amizade, aos libros e á palabra escrita, fronte a unha intelixencia artificial que pretende acabar coa imaxinación e a fantasía. Un espectáculo que invita a rir, reflexionar e gozar do poder da lectura. De feito, o día da representación entregaráselle un exemplar do libro de Carlos Labraña a cada uno dos nenos e nenas asistentes. Dito libro está recomendado para lectores e lectoras de 7 a 12 anos, mentres que o espectáculo adáptase a un público a partir de 3 anos.



