Nacido no ano 2000, o trío atesoura unha das traxectorias máis sólidas e constantes da escena jazzística española e cunha gran proxección internacional
O concerto é con entrada de balde, no Auditorio Municipal, ás 20:30 horas. O ciclo que comezou con Paco Charlín finaliza o 24 de maio co contrabaixista Simón García.
O Concello de Nigrán continúa este sábado 26 de abril o seu terceiro ciclo ‘Primavera de Jazz’ co mítico trío santiagués Sumrrá no Auditorio Municipal ás 20:30 horas (entrada de balde ata completar aforo). O cartel arrancou o 29 de marzo con Jazz Frequency Group (liderado polo vilanovés Paco Charlín) e, finalizará o sábado 24 de maio co contrabaixista mugardés Simón García en quinteto. Todos estes concertos contan co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’.
“Levamos tres anos ofrecendo en Nigrán aos mellores músicos de jazz do país en directo e fora da tempada estival, un auténtico luxo para un público fiel a este xénero musical”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao festival de verán Nigranjazz. “Despois de 18 anos ininterrumpidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demanda concertos en directo tamén o resto do ano e un alumnado da Escola de Música que o pide, e por iso apostamos firmemente por este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos”, explica o rexedor.
SUMRRÁ
Manuel Gutiérrez, piano; Xacobe Martínez Antelo, contrabaixo; e L.A.R. Legido, batería.
Sumrrá, nacida no ano 2000, atesoura unha das traxectorias máis sólidas e constantes da escena jazzística española e cunha gran proxección internacional, como certifican as súas xiras por todo o mundo e os seus máis de 200 concertos dominicais na súa cidade de residencia, Santiago de Compostela. Respetados pola crítica e cunha lexión de seguidores ás costas, veñen de recibir o Premio Plataforma Jazz España a súa traxectoria como banda consolidada. Desde os seus inicios, Sumrrá cativou a crítica e público cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, a calidade dos seus integrantes e a frescura dos seus directos. Sumrrá non entende de modas, de etiquetas, nin de estilos. Pasaron máis de 20 anos anos desde a súa formación e continúan reinventándose e alimentándose dos proxectos paralelos dos seus compoñentes. Ademais, conservan unha madurez e unha frescura case inconcibibles hoxe en día, facendo do trío un grupo de culto que foi sumando adeptos ao longo de todos estes anos grazas a unha forma única de entender a música en directo.
Este concerto reúne en 90 minutos os seus maiores éxitos ao longo de 25 anos de existencia.

