O concello de Nigrán ofrece este sábado “El Grinch” no Cine Municipal da Ramallosa

Redacción
Lectura mínima de 2

O xoves 18 continúan as proxeccións co clásico de Nadal por antonomasia, ‘¡Qué bello es vivir!’, apta para todos os públicos

O Concello de Nigrán, dentro da súa programacion especial de Nadal, ofrece este sábado 13 de decembro ás 18:00 horas nos Cines Municipais da Ramallosa a película ‘El Grinch’, unha comedia fantástica do ano 2000 protagonizada por Jim Carrey. Como todas as proxeccións infantís neste espazo público, son gratis mediante retirada de invitación na propia taquilla desde unha hora antes do comezo e ata esgotarse o aforo. A programación infantil de cine de Nadal continúa o sábado 20 con ‘Solo en casa’, o 27 ‘Polar express’ e, finalmente, o 3 de xaneiro con ‘Arthur Christmas’. ‘El Grinch’ é unha especie de ogro verde que sempre viviu illado na cima dunha montaña, nos arredores de ‘Vila Quen’. Habituado á soidade, o que lle esnaquiza os nervios son as panxoliñas que a xente do pobo canta en Nadal; para vingarse, decide roubar os agasallos de Santa Claus.

Pola súa banda, o xoves 18 o Concello ofrecerá tamén ás 18:00 horas o seguramente filme máis lendario do Nadal a escala planetaria: ‘¡Qué bello es vivir!’. A longametraxe do ano 1946 dirixida por Frank Capra é apta para todos os públicos. A entrada é de balde ata completar aforo.

Comparte este artigo