Terá lugar no Auditorio Municipal a partir das 19:00 horas con Airiños do Mar de Teis e o Coro San Vicente de Mañufe
O Concello de Nigrán ofrece este sábado 15 de novembro a partir das 19:00 horas no Auditorio Municipal o ‘VI Festival Outono Musical’ con ‘Airiños do mar de Teis’ e a participación do coro San Vicente de Mañufe. A entrada é de balde ata completarse o aforo.
‘Airiños do Mar de Teis’ nace no ano 2013 de mans dun grupo de veciños deste barrio vigués que se presenta ao certame ‘Cancións dos nosos barrios’ na finca de San Roque. Conta con 14 compoñentes que se acompañan de guitarras, bouzouki, bombo legüero arxentino, acordeón, gaita e distintas percusións tradicionais. O seu repertorio mestura música tradicional galega con arxentina ou peruana bebendo de grupos como ‘Fuxan os ventos’, ‘A quenlla’ ou ‘Los Chalchaleros’. Teñen dous dicos, ‘Terras irmás’ e ‘Queda moito por cantar’.
Pola súa banda, o Coro San Vicente de Mañufe naceu no ano 1988 como coro parroquial infantil transformándose co paso dos anos ata o que é a día de hoxe, con interpretacións de pezas a catro voces e un amplo e variado repertorio.



