O concello de Nigrán ofrece este sábado un obradoiro folclórico de tradición oral como preámbulo das Letras Galegas

adminON
Lectura mínima de 3

Está dirixido pola folclorista Leni Pérez e terá lugar no muíño de Porto do Molle de 11:00 a 13:00 horas con inscripción previa. É a partir dos 12 anos sen necesidade de coñecementos previos.

Á noitiña vivirase un serán aberto ao público coas Pandereteiras do Sobreiro e de Camos e Pelica de Can

O Concello de Nigrán abre a programación polo mes das Letras Galegas cun obradoiro folclórico de tradición oral a cargo de Leni Pérez este sábado 3 de maio de 11:00 a 13:00 horas no muíño de Porto do Molle. Toda aquela persoa maior de 12 anos interesada en participar debe inscribirse a partir de mañá mércores 30 de abril na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán (presencialmente de 9:00 a 14:00 ou a través do 986365000) e acudir á cita provista dalgún instrumento de percusión de man, como poden ser pandeireta, pandeiro, un par de culleres ou un par de cunchas. A vintena de prazas distribuirase por rigorosa orde de solicitude.  Os asistentes porán en práctica cantares do repertorio de tradición oral.
Xa pola tarde, tamén no muíño, celebraranse ás 19:00 horas os concertos das pandereteiras do Sobreiro (Gondomar) e As Camoesas e, ás 20:00 horas, de Pelica de Can, trío formado por Leni Pérez, Ernesto Campos e Marcos Campos, e onde porán en valor a figura da muller na tradición oral, a quen precisamente se lle adica estas Letras Galegas 2025.
“Nos muíños naceron as muiñeiras e en Nigrán temos a sorte de contar co muíño de Porto do Molle como escenario municipal de luxo para, precisamente, festexar o cancioneiro tradicional galego ao que se lle adican as Letras este ano”, considera o alcalde, Juan González.
A programación municipal polas Letras Galegas continúa o 10 de maio no Auditorio Municipal co concerto especial da Coral Novos Aires de Nigrán e a Coral Costa da Morte ás 20:00 horas. O xoves 15 e 16 de maio haberá sendos contacontos na Biblioteca Municipal ás 18:00 horas e, o propio sábado 17 de maio, coa ‘Festa da bicicleta do Val Miñor’ con saída do Pavillón de Panxón ás 10:00 horas e o concerto Fanfarria Takicardia no  Muíño de Porto do Molle ás 20:00 horas.

Comparte este artigo