Para participar é preciso inscribirse previamente no mail oficinaturismo@nigran.org indicando en que andaina se participará, nome e apelidos e teléfono de contacto
O Concello repite o roteiro polo legado de Antonio Palacios en Nigrán ante a gran demanda do realizado a semana pasada
O Concello de Nigrán ofrece este sábado 26 de outubro dous roteiros: un circular ás 10:00 horas pola península de Montelourido de 2 horas de duración e outro ás 16:00 horas sobre o legado do arquitecto Antonio Palacios no municipio. En ambos casos é imprescindible inscribirse previamente a través do mail oficinaturismo@nigran.org achegando nome, apelidos, teléfono de contacto e roteiro elixido. Para calquera información adicional está habilitado o número de teléfono 699859418. O punto de encontro facilitarase unha vez realizada a inscrición.
A andaina de Montelourido forma parte do programa ‘Paseando Nigrán’ do Concello de Nigrán e a de Antonio Palacios repítese ante a gran lista de agarda que quedou a semana pasada. Esta forma parte dos actos do Concello co gallo do 150 aniversario do nacemento do célebre arquitecto porriñés e faise coincidir co mes no que se inaugurou o Templo Votivo do Mar (16 de outubro de 1937).
“Temos a sorte de contar en Nigrán cunha das obras máis fermosas da arquitectura do século XX en Galicia e a revindicamos tamén como reclamo turístico”, considera o rexedor, Juan González, quen non dubida en calificar ao Templo Votivo do Mar, en Panxón, como “a obra relixiosa máis representativa de Palacios”, arquitecto recoñecido internacionalmente pola súa trascendencia no deseño de Madrid e ao que a capital de España consagra o ano 2024. “En Nigrán non podemos ser menos que en Madrid á hora de reivindicar a Palacios, queremos festexar este fito e promover a súa pegada no municipio “, sinala.

