O ex-xogador de baloncesto profesional é un activista en pro da detención e prevención do acoso escolar tras estar el mesmo ao borde do suicidio con tan só 11 anos e ingresar en coma por unha malleira dos seus compañeiros
O Concello de Nigrán planta cara ao ‘bullying’ da man do IES Proval. E o fará a través de Iñaki Zubizarreta, ex-baloncestista profesional que, tras telo sufrido gravemente na súa infancia, adica a súa vida a detectar e previr o acoso escolar. El será o encargado de impartir unha charla para familias interesadas e docentes o luns 27 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal (só para maiores de 18 anos, con entrada libre ata completar aforo). O mesmo día, pero en horario lectivo, estará no IES Proval dirixindo diferentes obradoiros para o alumnado dentro dunha actividade organizada desde a Biblioteca escolar, departamento que solicitou ao Concello traer a Zubizarreta ao municipio.
“Desgraciadamente é un tema de actualidade e, consideramos, entre todos os actores implicados debemos por todas as ferramentas ao noso alcance para frealo e erradicalo”, valora o alcalde, Juan González.
O deportista retirado de 53 anos, pivote na década dos 90 no Cajabilbao, Zaragoza ou Valencia Basket, é un dos máis recoñecidos activistas en España en pro da detención e prevención do bullying tras estar el mesmo ao absoluto borde do suicidio con tan só 11 anos e ingresar en coma por unha malleira dos seus compañeiros. A súa vivencia quedou plasmada no 2020 no cómic ‘Subnormal, una historia de acoso escolar’, unha obra de alto valor pedagóxico con guión de Fernando Llor e debuxos de Miguel Porto, ante a supervisión de Iñaki, quen adquiriu o compromiso e a determinación de transmitir a súa realidade para que non se repita, para que ninguén máis a sufra. A súa mensaxe doe, pero é de esperanza porque, como el mesmo di, “do bullying pódese saír, hai boa vida despois do acoso, pero para iso hai que ter as ferramentas axeitadas”. Por iso, este ex pivote de 2’07 metros de altura (cualidade diferencial que marcou a súa infancia) trata de concienciar á sociedade da importancia de non calar e denunciar calquera tipo de violencia, romper a “lei do silencio”, como el di. Iñaki define ao bullying como “ese monstro con cara de neno que esnaquiza infancias, marca vidas, e nos casos máis extremos, chega a provocar que nenos e nenas de pouca idade atenten contra si mesmos por non querer sufrir máis”.
“A educación vai máis alá do rendemento académico, trátase de promover o desenvolvemento integral da persoa, incluíndo a dimensión ética, emocional ou social, por iso cando hai bullying é a proba dun fallo enorme en todo o sistema que non se pode pasar por alto”, conclúe Estela Pérez, edil de Educación.