A inscrición realizarase o día anterior, martes 28. O prezo é de 25 €/persoa e inclúe transporte, visita guiada e xantar no Restaurante Casas de Redondela
O Concello de Nigrán, dentro do seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade empadroada no municipio, abre a inscrición o martes 28 de xaneiro de 10:00 a 13:00 horas no Centro Social de Vilamean (Vilamean, 2) para participar nunha excursión ao museo Anfaco da conserva e a fortaleza e túneles do Castro, en Vigo, ao día seguinte, mércores 29. A excursión, cun prezo de 25 € por persoa, inclúe o desprazamento en autobús, visita guiada e comida no restaurante Casas de Redondela (langostinos, vieiras, pescada, codillo, bebidas, sobremesa e café). A inscrición será por rigorosa orde de chegada ata un máximo de 2 inscritos/persoa e ata esgotarse as 60 prazas dispoñibles.
No Museo Anfaco da industria conserveira disponse de material museístico de gran valor histórico, a través de cuxa contemplación se pode realizar un interesante percorrido pola historia da industria conserveira desde as súas orixes, así como pola historia e evolución da asociación empresarial creada por pioneiros conserveiros para defender uns intereses comúns que hoxe en día se manteñen vixentes, conservando así o espírito en base ao cal se xestou a creación da orixinaria Unión de Fabricantes de Conservas da Ría de Vigo. Por outra banda, a musealización dos túneles de O Castro, en Vigo, permite a introdución na gran batalla de 1719 contra os ingleses e é posible grazas a unha experiencia inmersiva na que percorrer as galerías subterráneas coma se fósemos parte da milicia que tentou entón protexer a vila.

