O prazo de presentación de propostas remata o 24 de novembro ás 14:00 horas e premiaranse aos cinco primeiros clasificados, ademáis de adxudicar a redacción do proxecto e dirección de obra ao gañador
O Concello de Nigrán ofrecerá este luns 27 de outubro ás 12:00 horas unha visita guiada para todos aqueles licitadores interesados en participar no concurso de ideas para a construción dun ‘Parque deportivo inclusivo’ en Porto do Molle (o punto de encontro é a rúa Xian, desembocando no skatepark, onde se prevé o devandito espazo). A administración municipal ten aberto o prazo de presentación de propostas ata o 24 de novembro ás 14:00 horas.
O concurso, convocado en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), consta de dúas fases. A primeira, de carácter pública, aberta e anónima, será a nivel de idea –de forma sinxela e inicial–, na que se seleccionarán cinco propostas, cuxos autores serán invitados a participar na segunda para desenvolvela como anteproxecto. Entre estes cinco finalistas elixirase ao gañador, que será adxudicatario do contrato de servizos de redacción do proxecto e dirección de obra polo importe de 206.264,31 euros. A maiores, este primeiro clasificado (proposta gañadora) está dotado con 12.100 €, o segundo con 7.500 €, o terceiro con 5.000, o primeiro accésit con 2.500 €, e o segundo accésit con 2.500 €. O concurso contará cun xurado composto por arquitectos designados polo COAG que proveñen da súa ‘bolsa de xurados’. Toda a información ao respecto do concurso está pendurada na sede electrónica do Concello de Nigrán e na plataforma de contratación pública de Galicia.
O obxecto é seleccionar a proposta arquitectónica máis idónea para o deseño e construción do Parque Deportivo Inclusivo Porto do Molle, con elementos deseñados baixo os criterios de “accesibilidade universal”. A nova infraestrutura, como mínimo, deberá completar e integrar a actual pista de atletismo e a de skate; engadir un espazo cuberto (non necesariamente pechado) para practicar deportes federados como fútbol sala, balonmán ou baloncesto, unha bancada con capacidade mínima para 250 espectadores sentados, vestiarios, e un aparcadoiro na mesma parcela. O Concello destinará á súa construción os 4,5 millóns de euros que Zona Franca tivo que abonar ao Concello polo aproveitamento da superficie empresarial.