Trátase dunha xirafa de 7 metros de altura doada por René de la Jara, promotor do mercado multicultural de Praia América
“Estamos moi agradecidos a René de la Jara porque cada ano, con todo o seu cariño e desinteresadamente, fai algo único para o municipio que resulta moi ben acollido pola cidadanía”, indica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán estreará en setembro o curso escolar cunha mascota xigante presidindo a entrada ao Pavillón Municipal de Panxón. Trátase de ‘Carmiña’, unha xirafa metálica de 7 metros de altura doada por René de la Jara, promotor do mercado multicultural de Praia América e que cada ano agasalla ao municipio con algún enxeño elaborado por el mesmo (anteriormente foron uns peixes ‘tragaplásticos’ para o areal ou as letras ‘Praia América’ como lugar para selfies).
A impresionante ‘Carmiña’, que estará durante todo o verán na entrada do mercado do paseo marítimo xunto cun polvo e un cabaliño de mar da mesma autoría, foi presentada por René e o alcalde, Juan González, ás crianza do campus do Club Baloncesto Nigrán (entidade deportiva con sede no Pavillón Municipal). O certo é que a envergadura da mascota, xunto con detalles como as súas zapatillas deportivas xigantes, o seu colorido ou as pestanas a base de cepillos reciclados chaman a atención de todas as persoas que se achegan ata Praia América.
“De pequeno tiña un xoguete moi especial que era unha xirafa, gardo ese bonito recordo da infancia e por iso quixen facer este animal para Nigrán, municipio que sempre me acolleu con suma hospitalidade”, explica René de la Jara, quen traballou no seu taller unhas 60 horas durante 5 días intensísimos para dar a luz a Carmiña, realizada a base de tubaxes e pezas de metal recubertas con poliestireno e diferentes papeis de cores. “Eu son así, cando estou concentrado en algo non son quen de parar”, admite. O animal, polas súas dimensións, foi trasladado a cachos e finalmente montouse en Praia América para, en setembro, ser trasladala ao Pavillón, a súa ubicación definitiva.
“Estamos moi agradecidos a René de la Jara porque cada ano, con todo o seu cariño e desinteresadamente, fai algo único para o municipio que resulta moi ben acollido pola cidadanía, hai unha total sintonía. Sempre é unha grata sorpresa ver o que enxeñou e con Carmiña, literal e figuradamente, puxo o seu propio listón moi alto”, considera o alcalde, Juan González.

