HomeVigoNigránO concello de Nigrán presenta no Campionato Europeo de Surf Adaptado unha...

O concello de Nigrán presenta no Campionato Europeo de Surf Adaptado unha pista de Surf-Skate única en Europa

- Anuncio -spot_img

A infraestrutura, solicitada desde a Asociación de Escolas de Surf de Patos, é a primeira desta especialidade en forma de anel pechado, cun lado recto e outro de curvas, o que permite empregala indefinidamente

O Concello de Nigrán presenta durante o Campionato Eurpeo de Surf Adaptado unha pista de surf-skate revolucionaria en toda Europa. A gran particularidade desta infraestrutura ubicada ao carón da residencia de Tempo Libre de Patos é que está deseñada en forma de anel pechado, cun lado recto e outro de curvas, o que permite un circuito continuo, sen principio e fin definidos. A pista, a piques de rematarse, está financiada polo Concello con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, supondo un investimento de 44.356 € . Adicionalmente, o Concello iniciará nas vindeiras semanas a construción doutro pumptrak no Salgueiral (centro do municipio) e neste caso pensado para BMX cun orzamento de 75.400 €.

“Foi solicitada desde a Asociación de Escolas de Surf de Patos para complementar a formación do seu alumnado, especialmente para os días nos que non é recomendable meterse no mar, por iso a súa ubicación natural é esta. Estamos moi orgullosos de que os participantes no Campionato Europeo de Surf Adaptado sexan os primeiros en coñecela”, incide o rexedor, Juan González.

“Non hai ningún deseño parecido en toda Europa dunha pista de surf similar, esta está realizada pensando específicamente neste deporte e atendendo aos criterios técnicos dos profesionais, seguro que despois aparecerán máis con esta concepción en anel”, garanten desde Overlay Projets, empresa radicada en Baiona (Sabarís) especializada na construción de pump-traks e con circuitos levados adiante en toda España e Portugal.

Así, a infraestrutura ocupa unha superficie de 366 m2, construíndose en forma de anel pechado en asfalto cun lado recto con curva de 2,40 e 7 metros respectivamente e outro tramo sinuoso con curvas de 2,40 m. A maioría das medidas dos elementos son axeitados para todas as idades e niveis, pero inclúe algúns obstáculos para practicantes de nivel máis avanzado ou para ir progresando.

O obxectivo do surfskate é levar os movementos e as sensacións do surf ao asfalto, empregando un skate cuns eixes que simulan o movemento fluído dunha táboa nunha onda, polo que é unha infraestrutura fundamental para perfeccionar técnicas vinculadas ao surf ou adestrar cando a situación do mar non o permite.

“A ubicación non podía ser outra que Patos, a praia por excelencia para a práctica do surf no Sur de Galicia; polo que esta infraestrutura suporá un salto de calidade máis que beneficiará aos surfistas e a todo aquel que desexe iniciarse neste deporte”, explica González, quen vincula o fomento do deporte coa mellora da saúde física e mental e a socialización. “Desde o Concello de Nigrán consideramos que temos a obriga de adaptarnos continuamente ás novas tendencias sociais, e no eido deportivo isto supón investimentos en este tipo de pistas ou en infraestruturas como a calistenia de Panxón ou A Ramallosa”, finaliza. 

Publicacións Relacionadas