O Concello convocou un concurso coa colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia co obxectivo de completar, ampliar e integrar a pista de atletismo. Todo baixo a premisa da accesibilidade universal e cun investimento previsto de 4,5 millóns de euros
“A participación foi altísima, con propostas chegadas de toda España, o que reflexa o interese por levar adiante este proxecto“, considera o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán recibíu un total de 54 propostas de deseño para o futuro espazo deportivo inclusivo de Porto do Molle. O Consistorio convocou un concurso de ideas ao respecto xunto ao Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) cuxo prazo de presentación rematou o pasado luns 24 de novembro. A nova infraestrutura, como mínimo, deberá completar e integrar a actual pista de atletismo e a de skate; engadir un espazo cuberto (non necesariamente pechado) para practicar deportes federados como fútbol sala, balonmán ou baloncesto, unha bancada con capacidade mínima para 250 espectadores sentados, vestiarios, e un aparcadoiro na mesma parcela. Os 4,5 millóns de euros que Zona Franca tivo que abonar ao Concello polo aproveitamento da superficie empresarial serán reinvestidos aquí.
“A participación foi altísima, con propostas chegadas de toda España, o que reflexa o interese por levar adiante este proxecto e, de seguro, unha gran variedade de enfoques, polo que a elección vai ser complicada”, valora o alcalde, Juan González, quen busca para este lugar un un deseño emblemático e innovador, motivo polo que apostou pola fórmula do concurso anónimo e con xurado baixo a supervisión do Colexio de Arquitectos de Galicia.
Destas 54 propostas recibidas se seleccionarán só cinco, cuxos autores serán invitados a participar nunha segunda fase para desenvolvela como anteproxecto. Entre estes cinco finalistas elixirase ao gañador, que será adxudicatario do contrato de servizos de redacción do proxecto e dirección de obra polo importe de 206.264,31 euros. A maiores, este primeiro clasificado (proposta gañadora) está dotado con 12.100 €, o segundo con 7.500 €, o terceiro con 5.000, o primeiro accésit con 2.500 € e o segundo accésit con 2.500 €. Toda a información ao respecto do concurso está pendurada e irase actualizando na sede electrónica do Concello de Nigrán e na plataforma de contratación pública de Galicia.
O concurso contará cun xurado composto por arquitectos designados polo COAG que proveñen da súa ‘bolsa de xurados’. Estes profesionais de prestixio en exercicio libre teñen participado e foron galardoados en diversas convocatorias, e son elixidos polo COAG de forma transparente por quenda e en función de súa especialidade.
“Este novo espazo deportivo inclusivo porá fin as carencias de instalacións tanto para os diferentes clubs locais como para o IES Val Miñor, cuxa infraestrutura resulta totalmente insuficiente para as súas necesidades”, valora González e, neste sentido, sinala o paralelismo da adquisición por parte do Concello dos cines do centro comercial da Ramallosa ou a construción da nova biblioteca. “O municipio ten medrado exponencialmente e as infraestruturas deben ir acordes a este crecemento, por iso agora traballamos neste novo obxectivo para que o Pavillón de Panxón non sexa a única opción pública”, finaliza.



