O concello de Nigrán recibe a escultura de José Molares que renderá homenaxe aos peregrinos na Ramallosa

adminON
Lectura mínima de 4

A peza foi recepcionada hoxe polo Concello á espera da autorización para instalala na Alameda da Ramallosa despois de que a Xunta rexeitase a petición de ubicala na rotonda

A figura de bronce, de 2,30 metros de alto por 1,30 metros de ancho, representa a unha peregrina en plena travesía

“Será un emblema de Nigrán que nos vinculará máis aínda co Camiño Portugués pola Costa; resulta verdadeiramente espectacular, estamos abraiados co traballo”, sinalou o rexedor ao descubrir a escultura

O Concello de Nigrán recepcionou hoxe a gran escultura en homenaxe aos peregrinos realizada polo prestixioso escultor José Molares. A peza permanecerá gardada en dependencias municipais en espera de obter a autorización para instalala na Alameda da Ramallosa despois de que a Xunta rexeitase a súa ubicación na rotonda ao carón da ponte do río Miñor. Concretamente, de acordo co seu autor, o obxectivo é situala na zona verde á altura do Centro da Terceira Idade.

“Será un emblema de Nigrán que nos vinculará máis aínda co Camiño Portugués pola Costa; resulta verdadeiramente espectacular, estamos abraiados co traballo realizado”, sinalaba o rexedor esta mañá ao descubrir xunto a Molares esta escultura materializada en bronce e que representa a unha peregrina nunhas dimensións de 2,30 metros de alto por 1,30 metros de ancho e 1 metros de fondo.

A peza, cun investimento de 77.000 € a cargo das baixas que lle corresponden a Nigrán dentro do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra, foi encargada ao célebre escultor José Molares, afincado precisamente na Ramallosa e autor de obras tan coñecidas como a adicada a Julio Verne en Vigo.

Foi a Asociación de Empresarios Ovalmi quen trasladou ao Concello a idea de adicar unha escultura ao Camiño de Santiago na súa entrada en Nigrán e que esta fose da man de José Molares, artista de fama internacional e veciño do municipio desde hai décadas. “Pareceunos máis que acertado que un artista nigranés de fama mundial como José Molares fose quen materializase esta idea, como foi o caso tamén da muralista baionesa Lula Goce na Ramallosa (autora de ‘A Dona do Esteiro’, segundo mellor mural do mundo do ano 2023). Encantounos a idea, encantounos o boceto, e hoxe estamos marabillados co seu resultado”, admitía o rexedor.

O Concello de Nigrán é totalmente consciente de que o Camiño Portugués pola Costa atrae cada vez a máis estranxeiros ao municipio, batendo records ano a ano e con máis de 36.000 peregrinos desde este 2025, polo que desexa aproveitar ao máximo este potencial. Por esta razón, na mesma liña de facer que se sintan especialmente cómodos e ben tratados, o Concello creou a web dirixida exclusivamente a eles www.caminonigran.com e os agasalla coas chuches inclusivas de Minimelis, manufacturadas en Nigrán, a maiores, financia regularmente formación en inglés básico a traballadores de hostalaría.

“Todas estas iniciativas contribúen a construír unha imaxe amable e hospitalaria de Nigrán, que é o que queremos que transmitan a súa volta a casa”, sinala o rexedor.

Comparte este artigo