HomeVigoNigránO concello de Nigrán recibe alumnado do "CIFP A Graxa" de Ponteareas...

O concello de Nigrán recibe alumnado do “CIFP A Graxa” de Ponteareas para traballar no parque forestal “Os Matos-Río Táboas”

- Anuncio -spot_img

Medio cento de estudantes das ramas de Forestais e Paisaxismo colaboraron en diferentes tarefas dirixidas pola Brigada Forestal Municipal e técnicos da Xunta expertos en erradicación de invasoras

Durante toda a mañá eliminaron eucaliptos e acacias en 2 hectáreas, inocularon shiitake nos tocóns e repoboaron a superficie con 250 frondosas autóctona achegadas desde o propio CIFP

O Concello de Nigrán recibíu esta mañá no parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’ a preto de medio cento de alumnos e alumnas do ‘CIFP A Granxa’ de Ponteareas para realizar diferentes tarefas en 2 hectáreas de terreo correspondentes á parroquia de Camos. Os estudantes das especialidades de Paisaxismo e Forestais dividíronse en grupos para traballar durante toda a mañá en diferentes funcións: erradicación de invasoras de pequeno e gran porte (eucalipto e acacia fundamentalmente), inoculación de shiitake nos tocóns para destruír por completo a árbore, e reforestación con 250 frondosas autóctonas achegadas desde o propio CIFP A Granxa (madroño, carballo, sobreria, castiñeiro e aveleira). A xornada estivo dirixida pola Brigada Forestal Municipal e técnicos en recursos naturais que constitúen a brigada propia da Xunta especializada en eliminación de invasoras. O alcalde de Nigrán, Juan González, acudíu a recibilos.

“Mantemos un contacto moi fluido con este centro a través da organización deste tipo de xornadas e tamén recibindo a alumnado en prácticas, pola nosa brigada xa pasaron 4. O obxectivo de todo é intercambiar coñecementos para aplicar aquí no parque e, ao mesmo tempo, darlles a oportunidade de formarse, tal e como facemos tamén co CFEA de Lourizán”, explica o rexedor.

Parque Forestal Os Matos-Río Táboas

Este será o primeiro parque forestal da comarca, situado na zona do Río Matos-Táboas (no monte comunal das parroquias de Camos e Chandebrito). Este espazo natural vertebrado pola fraga do río Táboas ubícase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas). O obxectivo é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que están sendo recuperados, conservados e promovidos. Este lugar terá unha función social e servirá de protección aos núcleos de poboación máis próximos.

A súa transformación consiste na erradicación completa das especies invasoras e a realización de plantacións e, nunha segunda fase, creación de espazos públicos, restauración dos muíños, posta en valor dos petroglifos… Na parte central, en 6,5 ha, contémplase un arboreto representativo dos bosques galegos. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas.

O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento; acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo); medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)

Publicacións Relacionadas