As obras saíron xa a licitación cun importe de 466.112 € e as empresas poden presentar as súas ofertas ata o día 24 de febreiro, outorgándose un prazo de execución de 2 meses
O último tramo por humanizar, entre o Templo Votivo e o porto pesqueiro, adaptarase a súa contorna con beirarrúas en granito e máis anchas, iluminación led ou bancos de pedra
“O núcleo histórico de Panxón estará completamente remodelado antes de San Xoan e conforme ao propio valor paisaxístico da zona”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán recibirá o verán co núcleo histórico de Panxón totalmente humanizado tras emprender obras na rúa Mariñeiro. Os traballos para completar a remodelación desta rúa entre o Templo Votivo do Mar e o Porto Pesqueiro saíron a licitación onte cun importe de 466.112 € a cargo do Plan + Provincia 2024 de Deputación de Pontevedra. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 24 de febreiro, outorgándose un prazo de execución de 2 meses, polo que a parroquia celebrará San Xoan cunha imaxe mellorada.
“O núcleo histórico de Panxón estará completamente remodelado antes de San Xoan e conforme ao propio valor paisaxístico da zona. Ademais, calquera peón poderá vir desde o núcleo de Nigrán en Otero Pedrayo ata a praia por beirarrúas accesibles porque este era o único trozo onde non se intervira”, explica o alcalde, Juan González, facendo referencia a esta humanización do último tramo que faltaba da rúa Mariñeiro e que completará a xa realizada no propio paseo marítimo ou na paralela rúa Gaivota.
Así, a transformación visualmente máis notable será a ampliación das beirarrúas, actualmente en mal estado e sen cumplir as mínimas medidas de accesibilidade. Ademáis, ao tratarse do tramo que conflúe co núcleo histórico de Panxón estas se realizarán en granito e non en formigón pulido como se fixo no primeiro tramo da rúa no ano 2018 (desde o Templo Votivo ata a Estrada pola Vía, por importe de 280.000 €). Igualmente, dotarase a este tramo de iluminación led con farolas cun fuste especial cun detalle embelecedor onde se pode ler o nome da rúa. Os pasos de peóns tamén recibirán unha iluminación extra e dotarase a contorna de bancos de pedra e novas papeleiras. “O obxectivo é reforzar a seguridade viaria atendendo a que estamos nunha contorna de especial valor paisaxístico, polo que a humanización será acorde a estes valores e seguindo a estela do primeiro tramo”, insiste González.
Ao marxe do cambio estético que suporá a intervención, a humanización solventará problemas históricos de estancamento de augas cando hai moitas precipitacións ao substituírse todas as tubaxes e crearse unha rede separativa de pluviais.
“É unha obra moi demandanda e moi necesaria e que se demorou máis do que nos tivera gustado porque, estando onde está, implicou conseguir moitísimos permisos, desde Costas a Augas de Galicia ou Patrimonio”, finaliza.