Seguindo as directrices do grupo de expertos de ‘Un Nigrán para todos’, remodelarase antes do verán o actual espazo das duchas, aseos e rampla ubicados na zona onde anchea o paseo marítimo. O obxectivo é eliminar bordes, crear novas ramplas e reordenar todos eses servizos
Nunha segunda fase o Concello adquirirá un baño-cambiador inclusivo único en Galicia por ser válido para persoas con gran discapacidade, polo que incluirá grúa con mando de control, padiola regulable e inodoros ou duchas totalmente adaptados
“Trátase de replantexar desde 0 o lugar, cun proxecto de accesibilidade específicamente elaborado para elo e que, ao mesmo tempo, pretende outorgarlles uniformidade e harmonía coa contorna”, explica o alcalde, Juan González.
O Concello de Nigrán disporá no vindeiro verán dunha zona de servizos completamente accesible en Praia América-Lourido, no mesmo sitio do paseo onde actualmente se ubican as duchas, aseos ou a rampla de acceso ao areal. Segundo o proxecto realizado conforme ás indicacións do grupo de expertos en accesibilidade de ‘Un Nigrán para todos’, primeiramente realizarase un investimento de preto de 30.000 € destinados a reordenar todo ese espazo, eliminar os bordes de acceso a duchas para enrasalos en superficie, mudar o pavimento das duchas (actualmente moi irregular), corrixir a pendente das ramplas, cambiar a ubicación das prazas de aparcamento para persoas con problemas de mobilidade ou instalar columnas de ducha adaptadas. Nunha segunda fase, o Concello adquirirá un baño-cambiador inclusivo de última xeración válido para persoas con gran dependencia e que requiren de axuda.
“Trátase de replantexar desde 0 este lugar cun proxecto de accesibilidade específicamente elaborado para elo e que, ao mesmo tempo, outorga uniformidade e harmonía coa contorna. Actualmente os módulos están dispersos en zonas onde ademais hai obstáculos nas ramplas ou no encontro de pavimentos e de entrada ás duchas”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que repercutirá, adicionalmente, “na calidade turística e na imaxe da zona”. Así, unha das novidades será achegar a este lugar a actual caseta de Protección Civil, situada a 130 metros de distancia e cuxo persoal está encargado de ofrecer os baños adaptados nas sillas anfibia ou de emprestar muletas.
Cambiador inclusivo
O goberno de Nigrán consignará no vindeiro pleno ordinario do mes de maio 80.000 € do remanente de Tesourería para adquirir un baño-cambiador inclusivo único en Galicia. De deseño modular, está pensado para persoas con grandes necesidades e que requiren de axuda de ata dúas persoas, polo que o conforma un espazo de maiores dimensións que os convencionais, con grúa motorizada con mando a distancia, padiola regulable, asento de ducha e, en definitiva, todos os elementos adaptados. “Son baños que van máis alá dos aseos accesibles convencionais pero que o precisan unha de cada 200 persoas, e precisamente, o Concello de Nigrán quere dar un paso máis alá para non deixar a ninguén fora”, explica o rexedor. Paralelamente, cando se instale esta infraestrutura, crearase unha zona de sombra no exterior para que se empregue como zona de estar.

