Praia América acollerá o ‘XXI Torneo Concello de Nigrán senior masculino de tripletas’; o II Open Nacional Xuvenil e o III Open Internacional Conchi Feminino, ambos de dupletas
O Concello de Nigrán volverá a ser esta fin de semana o epicentro da petanca a nivel nacional con tres torneos disputándose á vez en Praia América: o ‘II Open Nacional Xuvenil de Petanca’ , o ‘III Open Internacional Conchi feminino’ (ambos de dupletas) e o ‘XXI Torneo Concello de Nigrán senior masculino’ (tripletas’). As competicións, organizados polo Concello de Nigrán coa colaboración do clube anfitrión C.C.D. Bolos da Carrasca e a Xunta e Deputación a través do ‘Plan + Provincia’, reunirán a máis de 250 xogadores chegados de todo o país. Por unha banda, unha trintena de mozos e mozas de 6 a 17 anos de Galicia, Cantabria, Mallorca e Barcelona desputarán o torneo xuvenil, por outro, 80 mulleres de todas as idades xogarán o Open ‘Conchi’, memorial en homenaxe a Conchi Nande Otero, veciña de Parada falecida e quen foi xogadora destacada do club Bolos da Carrasca e, finalmente, 140 homes de toda a comarca competirán no ‘XXI Torneo Concello de Nigrán senior masculino de tripletas’ .
“Esta cita é posible unha vez máis grazas ao C.C.D. Bolos da Carrasca da parroquia nigranesa de Parada, os grandes promotores da petanca en toda a comarca. Grazas ao seu tesón e esforzo, Nigrán volve a ser capital deste deporte, para o Concello é unha maneira excelente de por en valor o noso municipio no exterior, por iso consideramos Praia América como o mellor escenario”, destaca o alcalde, Juan González, quen nese sentido sitúa o Campeonato de España de Tripletas Sénior 1ª Masculino que tivo lugar no 2021 como o punto de partida de Nigrán como referencia nacional de petanca, sendo ademáis o Memorial Conchi un dos poucos que se manteñen como exclusivamente de mulleres.
Para a ocasión, novamente o Concello de Nigrán habilitará o aparcadoiro da antiga escola de vela de Praia América con máis de 30 canchas de competición e adestramento. O venres será a presentación dos equipos e os sorteos e, durante todo o sábado e boa parte do domingo terán lugar sendas competicións.