Os interesados en participar deben presentarse este día ás 11:00 horas na Oficina de Turismo de Gaifar
O Concello de Nigrán súmase como cada ano este domingo 21 de setembro á ‘XVIII Limpeza Simultánea Móllate polos ríos” coordinada por Adega nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social que, neste caso, terá lugar na desembocadura do río Muíños desde as 11:00 horas. O punto de encontro para os que desexen participar é a Oficina de Turismo de Gaifar. Recoméndase levar roupa e calzado axeitado, luvas e roupa de auga.
Este é un dun día no cal voluntarios e voluntarias de toda Galicia saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza, valor e beleza dos nosos ecosistemas fluviais. Centos de Kg de refugallos xa foron extraídos dos ríos Muíños e Miñor nos anos pasados polas decenas de voluntarios que teñen participado nesta iniciativa.
O Proxecto Ríos, ao que pertence esta iniciativa, é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental de Adega que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.