O artista gráfico, moi coñecido polos murais de Monteferro, está a pintar unha ducia de marquesiñas do litoral con cadansúa ave propia da zona
Píllara, gaivota común, garza real ou cormorán son algúns dos paxaros elixidos como protagonistas deste roteiro interactivo de 7 km desde Patos á Ramallosa
O obxectivo do Concello é darlle un pulo á identidade cultural da zona ao tempo que se evita o vandalismo. “Será unha verdadeira galería de arte ao aire libre”, resume o alcalde, Juan González
Píllara das dunas, ostraceiro, virapedras ou gaivota común son algúns dos nomes cos que o Concello de Nigrán bautizará unha ducia de paradas de autobús pola costa grazas ao artista gráfico vigués Beis (@Beis331), moi coñecido pola súa serie de murais na contorna de Monteferro. Cada marquesiña terá como protagonista central un grafiti cunha ave propia da zona e, mediante un vinilado nos laterais, ofrecerase unha breve información sobre a especie retratada, un mapa da ubicación das diferentes paradas e un código QR que amosará en wikiloc este auténtico roteiro ornitolóxico de 7 km (desde o cruce de Patos en Estrada pola Vía ata a ponte da Ramallosa).
O obxectivo do Concello de Nigrán é promover a identidade cultural, paisaxística e turística da zona ao tempo que se dignifica o espazo público cunha intervención artística de calidade, xa que as doce marquesiñas elixidas estaban completamente vandalizadas. “Será unha verdadeira galería de arte ao aire libre que porá en valor a nosa fauna”, valora o alcalde, Juan González, sobre este proxecto que quedará rematado a finais de mes e que complementa ao realizado anteriormente por Beis en Monteferro como parte do seu traballo de fin de grado na Escola Superior de Deseño Grádico José Faílde (Ourense) ou incluso o encargado polo Concello a Juan Rivas titulado ‘Pintura no lugar’ (una sorte de “paisaxe estendida” a postes ou farolas do interior de Panxón ou San Pedro). “Nigrán é xa un referente en arte urbana grazas a estes proxectos ou ao mural de Lula Goce na Ramallosa, e queremos seguir avanzando nesta liña, por iso apostamos por esta nova iniciativa da man dun artista que xa triunfou o ano pasado cos murais na contorna de Monfeferro adicados a rostros femininos”, sinala o rexedor, quen valora o feito de que o novo roteiro “invita a andar, tanto pola atractivo natural da ruta como polas propias pinturas”.
“Son de Coruxo, Vigo, pero sempre fixen moita vida por Nigrán, por iso quería ofrecer algo que de verdade achegase algún valor á comunidade”, explica Pedro González, coñecido artísticamente como Beis e quen aos seus 25 anos se gaña a vida principalmente coa pintura mural. Sen embargo, este traballo encargado polo Concello foi máis alá de reformular a estética das marquesiñas, xa que antes tivo que investigar para seleccionar algunha das 12 aves máis representativas da zona. A orde das mesmas tampouco foi ao azar, “as especies máis chamativas as deixei para as paradas con maior visilidade, como a garza real”, matiza. Así, comeza coa píllara das dunas no cruce da Estrada pola Vía con Patos e continúa pola costa ata a Ramallosa con ostraceiro, virapedras, negrón común, colimbo chico, correlimo, cormorán, gaivota común, garza real, martín pescador, bisbita común e charrán. Pese a ser diferentes, todas compartirán unha paleta de cores comúns para ofrecer unha estética de conxunto. “Esta será a nova nomenclaturas das paradas de autobús en Nigrán”, sintetiza o alcalde.



