Dúas monitoras saharauis que acompañan aos 300 cativos dispersos por toda Galicia hospédanse nesta casa coas crianzas que non se adaptan a cadansúa familia acolledora
O Concello de Nigrán achega cada ano 2.500 ao programa Vacacións en Paz e mantén a súa aposta pola cooperación internacional financiando o proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados
O alcalde reitera a súa reclamación á Xunta para desafectar a outra casa de mestres ao seu carón e así poder empregala para un fin social
O Concello de Nigrán repite a súa cooperación co pobo saharaui cedendo por terceira vez consecutiva durante o verán a vivenda municipal de Balinfra (Camos) aos monitores que acompañan aos 300 cativos do programa ‘Vacacións en Paz’ en Galicia. Así, desde finais de Xullo e ata inicios de Setembro, dúas mulleres hospédanse nesta casa coas crianzas que non se adaptan a cadansúa familia acolledora na comunidade galega. O acalde de Nigrán, acompañado de tres concelleiras, acudíu hoxe ata alí para recibir ás familias do Val Miñor acolledoras.
“A experiencia é moi enriquecedora para todos. O Concello de Nigrán ten a sorte de dispor dunha vivenda municipal que durante o verán non emprega o CEE Juan María, así que non dubidamos en ofrecela para este fin porque a prioridade é darlle o máximo uso social”, explica o rexedor, Juan González, quen fai referencia ao programa de respiro familiar deste centro de educación especial.
O traballo das monitoras saharauis consiste en atender aos pequenos saharauis de entre 8 e 9 anos que non se adaptan ás familias, neste casa conviven uns días antes de tomar a decisión de se deben regresar aos campamentos ou reintentar unha nova acollida dentro deste programa ‘Vacacións en Paz’ que en Galicia xestiona a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e ao que Nigrán achega cada ano 2.500 €.
“O intercambio cultural resulta moi enriquecedor, o barrio está atento a calquera necesidade que teñen para botar unha man. A súa presencia aquí contribúe a achegarnos máis entre os pobos e desmontar calquera tipo de prexuízo, non podemos estar máis contentos de acollelos”, explica González, quen reitera a súa reclamación á Xunta para desafectar a outra casa de mestres ao seu carón (está concedida desde hai máis dunha década a unha docente que nin reside aí nin exerceu nunca no colexio de Camos). Adicionalmente, o Concello mantén a súa aposta pola cooperación internacional financiando proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauis en Arxelia, concretamente na wilaya de Bojador, con 16.500 habitantes.
“O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, o conflito do Sáhara compete directamente a España porque foi unha provincia máis deste país, e por iso queremos manter unha colaboración con eles, cremos que desde o local tamén debemos formar parte da cooperación internacional”, insiste o rexedor, quen aprobou no 2022 no Concello de Nigrán unha moción en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharaui.
Balinfra
No recinto de Balinfra o Concello de Nigrán dispón desde 2015 das antigas escolas infantís asociadas as dúas casas (empregadas por diferentes asociacións) e desde 2017 dunha destas dúas vivendas, restando só a desafección educativa da segunda en cuestión, reclamada por Concello e veciñanza reiteradamente. A edificación completa foi construída hai máis dun século para fogar dos profesores de Camos é consta dun volume de 339 metros cadrados dividido en dúas vivendas pareadas (números 43 e 45). Cada unha conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela municipal de 2.789 metros cadrados acondicionada como parque infantil.

