O espazo biosaudable de Torroña reconverteuse en parque infantil e no Eirado de Viladesuso ampliouse e renovouse a zona de xogos
O Concello de Oia vén de acometer unha serie de actuacións para mellorar e ampliar varios espazos dedicados a parque infantil existentes no municipio. Por unha parte, en Viladesuso renovouse e ampliouse a zona de xogos do Eirado, mentres que en Torroña creouse un novo espazo infantil, ao transformarse o parque biosaludable que había ata o de agora nun parque de xogos para nenos e nenas.
Concretamente, os traballos de reconversión do espazo de Torroña consistiron na retirada do pavimento do caucho existente e substitución por un novo. Así mesmo, instaláronse tres xogos infantís: un bambán bipraza con asentos mixtos, un balancín dobre e unha torre con tobogán.
Pola súa banda, no parque infantil do Eirado de Viladesuso retiráronse os xogos existentes, preparouse o firme e colocouse pavimento novo de caucho continuo. Ademais, instaláronse tres xogos novos (resorte, tobogán e bambán) e un peche perimetral.
Estas actuacións supuxeron un investimento total de 32.309,06
euros, financiados a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra correspondente á anualidade de 2024 e fondos propios do Concello.
A alcaldesa, Cristina Correa, sinala que estas obras responden a unha demanda veciñal e permiten que os nenos e nenas dispoñan de espazos seguros e axeitados para o xogo. “Seguimos traballando para mellorar os equipamentos públicos en todas as parroquias. Os parques están xa operativos desde hai varias semanas para desfrute das crianzas”, destaca a rexedora.