O Concello de Oia desenvolverá, ao longo do mes de outubro, unha serie de charlas-obradoiro impartidas por unha experta en actividade física feminina. Co obxectivo de achegarse a maior cantidade de usuarias posible, programaranse ata tres edicións da actividade en distintas partes do municipio. Así, primeira edición terá lugar en Viladesuso, a segunda en Mougás e a terceira en Torroña. A iniciativa ten carácter gratuíto e para participar só hai que inscribirse nos teléfonos 986362125 ou 639329493.
Cada unha das edicións das charlas-taller constará dun total de tres sesións distintas nas que se abordarán contidos que permitan que cada usuaria poida coñecer mellor o seu corpo así como distintas ferramentas para o autocoidado, a prevención e a mellora física. Nesta liña, as xornadas abordarán tres cuestións principais: o exercicio físico como ferramenta para afrontar os retos da saúde feminina, o solo pélvico e a sexualidade e o autocoidado e a saúde emocional.
A formación será impartida por Natalia Gantes Mella (Entre Mis Alas), licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, experta en actividade física para a muller, instrutora de método hipopresivo e asesora de lactancia. A programación será a seguinte:
-1ª edición: Centro Cultural de Viladesuso os días 11, 18 e 25 de outubro de 17h a 19h.
-2ª edición: Centro Cultural de Mougás os días 15, 22 e 29 de outubro de 10h a 12h.
-3ª edición: Escolas de Torroña os días 17, 24 e 31 de outubro de 10h a 12h.
-Sesión final conxunta: como peche da actividade, programarase unha xuntanza final na que todas as participantes poderán resolver dúbidas e repasar os conceptos adquiridos.
Esta iniciativa está financiada a través das subvencións para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero da Deputación de Pontevedra para o ano 2024 e unha achega municipal.