O goberno local organiza dous espectaculos infantís a través de internet para os centros escolares e ASPAVI
A concellería de Educación do Concello de Pazos de Borbén presentou esta mañá a súa celebración de entroido para os centros escolares do municipio. Un evento que todos os anos realizábase no salón de actos municipal e que este ano, para evitar aglomeracións, levarase a cabo a través da plataforma de videoconferencias Zoom.
Así, a partir das 10:30 horas deste venres, os pequenos conectaranse desde as súas aulas para participar activamente en cada un dos espectáculos. O primeiro será un contacontos de monicreques titulado “Godofredo e o Cabaleiro Vermello”. Unha historia sobre un neno que se propón ser Cabaleiro da Mesa Redonda e durante a súa aventura aprende os verdadeiros valores da cabaleirosidade, o honor e a sinceridade.
Do mesmo xeito, a partir das 11:30, os alumnos asistirán a un espectáculo de maxia en directo no que poderán interactuar co mago para realizar un amplo repertorio de trucos e xogos con cartas, pelotas e obxectos de todo tipo.
A iniciativa está aberta aos alumnos do Curros Enríquez, escola Infantil da Galeriña e os usuarios do centro ASPAVI. A concelleira de educación, Branca Míguez, destacou que “a pandemia está sendo moi dura para todos e os nenos non están exentos. Non nos sobran cousas que celebrar e por iso é importante que polo menos eles poidan gozar da celebración tan querida como o entroido, aínda que sexa por internet”, rematou a edil.