Luciano Otero e a concelleira Victoria Couñago denuncian que 1.700 persoas levan desde o 6 de novembro sen atención sanitaria básica
O alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, leva varios días reclamando con carácter de urxencia ao SERGAS a reposición inmediata do médico ou médica de familia no centro de saúde do Concello.
Desde o pasado 6 de novembro, Pazos de Borbén permanece sen profesionais de Atención Primaria, unha situación que deixa sen asistencia a arredor de 1.700 veciños e veciñas. A facultativa residente que ocupaba a praza atópase de baixa, sen data prevista de reincorporación, e o SERGAS non asignou ata o de agora ningún/ha substituto/a.
A concelleira de Servizos Sociais, Victoria Couñago, amosa a súa profunda preocupación, lembrando que “moitas persoas maiores, dependentes e familias con necesidades específicas non poden quedar desatendidas. Estamos a falar dun servizo básico e imprescindible”.
Desde o Concello consideran a situación “inadmisíbel e impropia do século no que vivimos”, e insisten en que non se pode permitir que tanta xente quede sen atención sanitaria nin un só día máis.
O alcalde e a concelleira reiteran a súa exixencia ao SERGAS para que adopte unha solución inmediata, restablecendo o servizo médico que a veciñanza necesita e merece.
O Concello de Pazos de Borbén continuará informando puntualmente á cidadanía sobre calquera avance relacionado con este asunto.



