HomeVigoPazos de BorbénO concello de Pazos de Borbén reparte máis de 600 mascarillas nos...

O concello de Pazos de Borbén reparte máis de 600 mascarillas nos Centros Educativos

- Anuncio -spot_img

En total, dende que comezou a pandemia, o consistorio xa distribuíu máis de 12000 mascarillas entre a poboación do municipio

O Concello de Pazos de Borbén finalizou esta mañá o reparto de máis de 600 mascarillas entre a comunidade educativa do municipio. O material foi adquirido polo goberno local para fornecelo aos centros como recurso de reposto para os mozos, profesores e traballadores. As unidades repartidas son de dúas tallas, infantil e adulta, para axustarse á idade e as necesidades de cada alumno.
O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Igrexas, indicou que os máis novos necesitan substituír as súas mascarillas con maior frecuencia que os adultos debido á súa actividade no colexio. “Entre o recreo, o almorzo, os xogos e demais situacións é máis fácil que as ensucien e que se rompan. É preciso que dispoñan de mascarillas de reposto para esta clase de circunstancias”, explicou o rexedor.
12000 mascarillas repartidas desde o inicio da pandemia
Do mesmo xeito, Igrexas destacou que este é o sétimo reparto de material de protección que o goberno local leva a cabo desde o inicio da urxencia sanitaria. “Tentamos repartir mascarillas periodicamente para axudar dentro das nosas posibilidades a que os veciños estean o máis protexidos que poidan. O último fixémolo fai escasos días acompañando o calendario e a felicitación municipal”, apuntou Igrexas, que lembrou que “toda a poboación de risco que as precise pode solicitar mascarillas no Concello”.

Publicacións Relacionadas