HomePontevedraPoioO concello de Poio anuncia aos gañadores e gañadoras dos premios ao...

O concello de Poio anuncia aos gañadores e gañadoras dos premios ao Deporte San Xoán 2021 e 2022

- Anuncio -spot_img

• Na relación de premiados e premiadas, elaborada tendo en conta as propostas do tecido deportivo local e da veciñanza, figuran clubs como o Poio Pescamar Fútbol Sala, o Piragüismo Poio Pescamar, e o GD Supermercados Froiz, entre outros

• Tamén se recoñece a traxectoria de deportistas como as regatistas Paula e Paloma González, a atleta Carolina Santos ou o Atlético Combarro

A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, deu a coñecer a listaxe dos e das gañadoras dos Premios ao Deporte San Xoán, que nesta edición, de xeito excepcional, recoñecen a traxectoria dos deportistas máis destacados tanto da presente tempada como da 2020-2021, toda vez que o ano pasado esta cita non puido desenvolverse por mor da pandemia da COVID-19. A entrega será, como manda a tradición, o vindeiro 22 de xuño, coincidindo co inicio do programa das festas patronais.

O pasado mércores celebrouse unha sesión extraordinaria do Consello Municipal de Deportes, que serviu para que os e as súas representantes presentasen as súas propostas, ademais de terse en conta tamén as achegas realizadas pola veciñanza a través da Sede Electrónica do Concello. Caldas Moreira salienta a gran variedade de modalidades representadas nestes premios, o que “demostra que o tecido deportivo de Poio goza dunha gran fortaleza e que segue a consolidarse como un referente a todos os niveis, tanto por resultados obtidos nesta tempada como na anterior e como polo traballo que se leva a cabo desde os clubs a nivel de formación e de base”.

Entre os clubs do municipio destacan nesta convocatoria o Poio Pescamar FS e o Piragüismo Conservas Pescamar. No primeiro caso, ademais da xogadora do equipo infantil Ángela Blanco, tamén se recoñecen os espectaculares resultados acadados polo primeiro equipo, tanto nesta campaña, na que se proclamaron campioas da Copa Galicia, como na anterior, na que foron subcampioas da Copa da Raíña. Ademais, tamén haberá un premio para o equipo infantil femenino, campión de Galicia e que vén de competir na fase final do Campionato Nacional celebrado na Seca hai uns días, así como para o ED Poio Pescamar de categoría xuvenil masculina, flamante campión do grupo Sur.

Con respecto ao club de piragüismo, entre os e as integrantes premiadas están Alba Rodríguez Requejo, Alejandro Gómez Rodríguez, Nicolás Braña e Julen Pérez Busto, que acadaron vitorias de gran prestixio nos diferentes campionatos de España nos que tomaron parte. A nivel de deporte base, entre os premiados tamén están, asemade, o equipo infantil prebase Club Saraiba, polo seu triunfo no Campionato de Galicia, e o Club Fútbol Base (CFB) Poio benxamín, que vén de acadar un ascenso de categoría.

A nivel individual, recoñécese a espectacular traxectoria das regatistas Paula e Paloma González, nunha tempada na que tamén veñen de acadar grandes éxitos en diferentes probas, así como a do ciclista do Grupo Deportivo Supermercados Froiz Raúl Casalderrey, campión de Galicia. O integrante do Poio Bike Club Héctor García, campión galego de Ciclocross na pasada tempada, tamén será outro dos homenaxeados.

Completan o listado a campioa de España de kayak-polo Lorena Nieto e o equipo do Atlético Combarro de fútbol, que este ano conseguiron un histórico ascenso a Segunda Autonómica. “Todos e todas elas son merecedores e merecedoras deste recoñecemento, polos seus éxitos e por levar o nome do noso municipio por todas as competicións nas que participan e triunfan”, concluíu a edil de Deportes.

Publicacións Relacionadas