HomePontevedraO CondadoO concello de Ponteaereas lanza novas actividades didácticas e creativas para o...

O concello de Ponteaereas lanza novas actividades didácticas e creativas para o alumnado dos centros educativos de Ponteareas

- Anuncio -spot_img

A Concellería de Ensino do Concello de Ponteareas, dirixida por Ricardo González, pon en marcha ao longo do mes de novembro unha ampla programación de actividades educativas dirixidas ao alumnado dos doce centros de ensino da vila. O obxectivo é ampliar a oferta formativa e contribuír á mellora do ensino, promovendo experiencias prácticas e vivenciais que complementen o traballo das aulas.

As propostas, adaptadas a diferentes tramos de idade, inclúen accións creativas, artísticas e de coñecemento do medio natural, fomentando o desenvolvemento de competencias clave como a creatividade, o pensamento crítico, a colaboración e o respecto polo entorno.

Entre as actividades programadas destacan a xornada “Ciclo da Auga”, actividades prácticas e demostrativas sobre o ciclo da auga e a importancia da súa conservación, dirixidas a alumnado de 3º e 4º de Primaria para desenvolver en colaboración coa Comunidade de Usuarios de Augas de Parada-Rocha, en Xinzo.

Outra das propostas é a exposición “Os Monos de Laxeiro”, en Artistea, unha mostra dedicada á obra humorística do pintor galego Laxeiro, con obradoiro de viñetas e visitas guiadas. Actividade para maiores de 12 anos.

Micro Obradoiro de Iniciación aos Micro-Relatos, tamén en Artistea, taller de creación literaria para estudantes de máis de 12 anos, centrado na escrita breve e na expresión concisa.

Por último para este mes de novembro, a concellería de Ensino propón o programa “Emprendetea”, unha iniciativa dirixida a mozos e mozas de 17 a 19 anos que promove o espírito emprendedor e o traballo colaborativo mediante dinámicas prácticas nos centros escolares.

Segundo o concelleiro de Ensino, Ricardo González, “estas actividades procuran ofrecer ao alumnado novas formas de aprender, máis prácticas, creativas e conectadas coa realidade, ao tempo que se dá a coñecer o patrimonio cultural e natural da nosa vila”.

Con esta programación, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa educación de calidade e co apoio ao labor dos centros educativos locais, fomentando o ensino experiencial e o coñecemento dos recursos da vila.

Este programa de actividades súmase aos ofrecidos na reunión inicial de principio de curso e na que participaron as directivas dos centros educativos e membros da Federación de ANPAs do Condado Paradanta e Louriña.

Publicacións Relacionadas