O Concello de Ponteareas acollerá por vez primeira a celebración do TubaNadal, un evento musical de carácter internacional que forma parte da iniciativa coñecida en todo o mundo como Tubachristmas. Será o xoves día 18 ás 18:30 horas no Mercatea Nadal que este ano se celebra na praza de abastos.
A chegada do TubaNadal a Ponteareas supón unha oportunidade única para achegar á veciñanza unha actividade cultural de proxección internacional, ao tempo que se promove a música en directo, o espírito festivo e a participación de intérpretes de tuba e bombardino nun ambiente aberto e inclusivo.
Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e coa descentralización de eventos musicais de relevancia, incorporándose por primeira vez á rede de localidades que celebran este emblemático encontro musical de Nadal.
Tubachristmas é unha actividade creada polo músico Harvey Phillips como tributo ao seu profesor e mentor William J. Bell, nado o día de Nadal de 1902. A través desta homenaxe, o evento convida a reflexionar sobre a herdanza musical e a honrar a todos aqueles grandes artistas e docentes cuxo legado contribuíu a establecer altos estándares de interpretación, pedagoxía, integridade profesional e valores persoais.
O primeiro TUBACHRISTMAS celebrouse o domingo 22 de decembro de 1974 na pista de xeo do Rockefeller Center de Nova York, baixo a dirección de Paul Lavalle. A música tradicional de Nadal interpretada naquela histórica edición foi arranxada polo compositor estadounidense Alec Wilder, establecendo unha sonoridade que se mantén como sinal de identidade do evento.
En Galicia, desde o ano 2000 celébrase organizado polos profesores do Conservatorio Superior de Música de Vigo Eduardo Nogueroles e Juan Carlos Díaz, converténdose nunha cita de referencia no calendario musical do Nadal.



