HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas adxudica a rehabilitación dunha vivenda da rúa Ferreiros...

O Concello de Ponteareas adxudica a rehabilitación dunha vivenda da rúa Ferreiros para a nova Oficina de Turismo e o Portal do Corpus

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas vén de adxudicar por un importe de 441.529 euros o proxecto de rehabilitación dunha vivenda unifamiliar situada na rúa Ferreiros, co obxectivo acoller a nova Oficina de Turismo municipal e o Portal do Corpus. Trátase dun avance moi relevante e dunha débeda histórica coa celebración que máis proxectou o nome da vila fóra das súas fronteiras e coas mans artesás que, xeración tras xeración, mantiveron viva a tradición das alfombras florais do Corpus Christi.

A edificación está integrada no conxunto histórico da Praza Vella. Actualmente atópase en estado de ruína cunha fachada de pedra granítica perfectamente integrada no tecido tradicional do centro histórico.

A intervención permitirá recuperar o esplendor orixinal do inmoble, respectando os seus valores arquitectónicos e patrimoniais, ao tempo que se lle dota dun novo uso público. Segundo o proxecto, a planta baixa destinarase á Oficina de Turismo, mentres que a planta semisótano acollerá o Portal do Corpus, un espazo clave durante a tempada de elaboración das alfombras florais. Fóra dese período, este ámbito funcionará como pequeno museo do Corpus Christi, posibilitando a súa visita ao longo de todo o ano.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas, destacou que “este proxecto combina a recuperación do patrimonio coa creación de novos servizos públicos. Non só rehabilitamos un edificio histórico en risco de desaparición, senón que o poñemos ao servizo da veciñanza e das persoas visitantes, cun uso directamente vencellado á nosa identidade e ás tradicións máis singulares de Ponteareas”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou a importancia estratéxica da actuación: “A recuperación dos barrios históricos é unha prioridade para este goberno. Queremos devolverlle a vida ás rúas e prazas do centro histórico, apostando por un modelo de vila viva, habitada e con actividade”.

A rexedora lembrou tamén que esta actuación se enmarca nas distintas liñas de traballo que o Concello ten en marcha, como a Área de Rehabilitación Integral (ARI), grazas á cal se recuperaron 16 vivendas no centro histórico ao abeiro das axudas a nivel barrio, cun investimento total de 400.000 euros. “Seguiremos traballando para que o noso patrimonio arquitectónico non sexa un recordo do pasado, senón unha oportunidade de futuro”, concluíu.

Con esta reforma, Ponteareas contará cun novo espazo de atención turística, desde o que descubrir as tradicións do municipio e vivir de preto unha das festas máis recoñecidas da comarca e de Galicia: o Corpus Christi, fortalecendo así a identidade cultural e o atractivo turístico da vila.

Publicacións Relacionadas