O Concello de Ponteareas vén de adxudicar o contrato do servizo de desbroce, limpeza de cunetas e marxes de todas as vías de titularidade municipal á empresa local SILVAREIRA SERVICIOS FORESTAIS, S.L.
O contrato terá unha duración de dous anos e supón un investimento total de 265.428,02 euros, IVE incluído, o que representa un importe anual de 132.714,01 euros.
O Concello destaca que esta actuación responde á necesidade de garantir o bo estado de conservación da extensa rede viaria municipal, así como de mellorar a seguridade viaria nas 24 parroquias do municipio.
Informa o concelleiro responsable do desbroce das vías, Domingo Freitas, que se realiza de maneira permanente labores de limpeza e mantemento co obxectivo de eliminar a vexetación herbácea e arbustiva que medra nas cunetas e nas zonas lindeiras ás estradas municipais. Estes traballos resultan fundamentais para evitar os efectos prexudiciais que a vexetación pode ocasionar, tanto na vida útil do firme como na circulación, debido á redución da visibilidade e do ancho útil da vía.
Ademais, a proliferación de vexetación nas marxes das estradas xera unha sensación de abandono e incrementa os riscos en materia de prevención de incendios forestais, xa que a normativa vixente obriga aos titulares das vías a manter en bo estado as zonas de seguridade e protección mediante rozas e desbroces periódicos.
Dada a superficie do termo municipal e a amplitude da rede viaria de titularidade local, o Concello sinala que non é posible prestar este servizo de maneira eficiente cos medios humanos e materiais propios, polo que resulta imprescindible recorrer á contratación externa para garantir unha actuación adecuada e continuada.
Con esta adxudicación, o goberno municipal reforza o seu compromiso co mantemento dos espazos públicos, a seguridade nas comunicacións viarias e a prevención de incendios, contribuíndo a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a conservación do entorno rural.

