O Concello de Ponteareas formalizou o seu compromiso de asumir o reembolso dos fondos adiantados pola sociedade estatal ACUAES para a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). A pesar de que será o Estado quen adiante inicialmente a financiación das obras, será o Concello quen soporte o maior esforzo económico, coa devolución íntegra da súa parte do investimento durante os próximos 25 anos.
A infraestrutura, clave para garantir un tratamento eficiente das augas residuais e cumprir coa normativa europea, conta cun investimento total de preto de 14 millóns de euros. Deste importe, ACUAES anticipará arredor de 4,5 millóns de euros correspondentes ao 32% da obra, que son responsabilidade municipal.
A partir da entrega das obras, prevista para o vindeiro mes de setembro, o Concello comezará a devolución deste importe mediante anualidades de aproximadamente 268.000 euros, prolongándose ata o ano 2050. Este esforzo financeiro permitirá que Ponteareas dispoña dunha depuradora moderna, máis eficiente e respectuosa co medio ambiente, sen comprometer a execución da obra nin retrasos na súa posta en funcionamento.
A alcaldesa Nava Castro destacou que “este compromiso é unha mostra da responsabilidade e da visión de futuro do goberno municipal. A EDAR é unha infraestrutura imprescindible e, malia que o financiamento se adiante dende o Estado, é Ponteareas quen asume o reto económico para garantir o benestar presente e futuro da nosa veciñanza”.
Con esta actuación, Ponteareas dá un paso adiante na mellora da calidade ambiental do río Tea e na aposta por un modelo de desenvolvemento sostible e comprometido co coidado do territorio.
Unha vez rematada a reunión, a comisión desprazouse ata A Moscadeira para visitar as obras de saneamento e do novo colector de Ponteareas que xa está en funcionamento e agora afronta un periodo de proba ao longo de seis meses.