O Concello de Ponteareas convida a toda a cidadanía á gala dos Premios Menina Sarmiento – Ponteareáns Distinguidos/as, que se celebrará este sábado día 13 ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. Trátase dun acto aberto ao público, pensado para recoñecer e poñer en valor a aquelas persoas e colectivos que, ao longo dos anos, teñen contribuído de maneira destacada ao avance social, cultural, educativo, deportivo e económico da vila.
A alcaldesa Nava Castro lembra que estes premios nacen para recoñecer publicamente a persoas, entidades ou colectivos de Ponteareas que destacasen pola súa traxectoria, méritos ou contribución ao desenvolvemento do municipio, así como polo seu labor solidario e pola proxección da vila no exterior.
Os premios, que se outorgan nas categorías de cultura, educación, empresa e innovación, compromiso social, deportes, nova promesa (menores de 25 anos), embaixada de Ponteareas, emigración/aveciñamento e mención especial, pretenden devolver o cariño e o compromiso que tantas persoas teñen amosado por Ponteareas ao longo da súa vida.
Unha gala que conecta historia e identidade ponteareá
A gala rende tamén homenaxe á figura histórica de María Agustina Sarmiento de Sotomayor, a Menina Sarmiento retratada por Diego Velázquez en Las Meninas, que naceu no convento de Canedo. O nome do premio recupera así unha figura vinculada á identidade cultural de Ponteareas, reforzando a cohesión social e destacando modelos que poden inspirar ás novas xeracións.
O Concello responde ás críticas e reafirma que o proceso é participativo, transparente e rigoroso
Os Premios Ponteareán/na Distinguido/a nacen cunha vocación clara: recoñecer o talento, o compromiso e a achega positiva á vila desde un enfoque institucional, rigoroso e afastado do debate partidista.
As bases reguladoras da Convocatoria 2025 foron aprobadas por unanimidade na Xunta de Goberno Local o 18 de novembro de 2025 e publicadas de forma íntegra no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e no Taboleiro de Anuncios do Concello, momento no que se abriu o prazo oficial de presentación de candidaturas.
O procedemento inclúe unha Comisión Técnica, criterios de valoración obxectivos e puntuables e un xurado plural e de recoñecido prestixio como a soprano Teresa Novoa, Jorge Cebreiros, presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra, a músico Blanca Represas; o gañador de La Vuelta, Álvaro Pino; Ana Besada do equipo directivo da Asociación Galega de Deseño e Celso Álvarez de COGAMI. Elementos que reforzan a transparencia, imparcialidade e calidade do proceso segundo explica o goberno de Ponteareas.
Os Premios Menina Sarmiento son un recoñecemento de toda Ponteareas, pensados para sumar, poñer en valor e xerar orgullo colectivo.
O Concello de Ponteareas anima a toda a veciñanza a participar neste acto aberto ao público, no que se celebrará o talento, a dedicación e o compromiso das persoas que fan medrar e avanzar a nosa vila.



