O Concello de Ponteareas celebrará ao longo do 2025 e 2026 o Ano Seraogna, unha iniciativa que rende homenaxe ao escritor Alfonso Pexegueiro, figura clave da literatura galega contemporánea e ponteareán ilustre, con motivo do 50 aniversario dende a publicación do seu emblemático ‘Seraogna’.
A programación incluirá un amplo abano de actividades culturais e divulgativas arredor da súa obra e traxectoria, co obxectivo de achegar o seu legado á cidadanía e poñer en valor a súa fonda conexión coa vila. As datas e detalles concretos iranse anunciando ao longo dos vindeiros meses.
O pistoletazo de saída terá lugar este sábado 12 de xullo, ás 20:00 horas, no marco da Feira do Libro de Ponteareas, coa presentación da edición conmemorativa de ‘Seraogna’ (Medulia Editorial). O acto incluirá unha mesa arredor da obra, coa participación do autor, Fátima Ferreiro e Paula Domínguez, así como unha lectura pública do poemario.
Nas semanas seguintes presentarase tamén o libro O exilio de nacer, editado pola Deputación de Pontevedra, no que diversos profesores universitarios analizan diferentes dimensións da obra de Pexegueiro.
A Residencia Artistea acollerá unha exposición de ilustracións do autor, tanto as incluídas nas súas últimas publicacións como outros traballos gráficos (deseños para camisetas, tazas ou mesmo a alfombra do Corpus).
Xa no outono, terá lugar o encontro literario “Da realidade á creación literaria”, que contará coa presenza do activista Ehsan Ullah Khan, figura destacada na loita contra a escravitude infantil en Paquistán e estreitamente vencellado á historia de Iqbal Masih, protagonista do último libro de Pexegueiro. Neste contexto, inaugurarase tamén un novo espazo de lecer para a infancia que levará o nome de Iqbal Masih.
Outras actividades destacadas incluirán obradoiros e encontros co alumnado de bacharelato artístico dos centros educativos de Ponteareas, así como, xa a comezos de 2026, unha nova exposición en Artistea centrada nas portadas dos libros de Pexegueiro, moitas delas ilustradas por artistas galegos vinculados ao Grupo Atlántica.
No primeiro semestre de 2026 celebraranse tamén unhas Xornadas Literarias, en colaboración coa UNED, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a AELG e a Universidade de Vigo, nas que especialistas de diferentes ámbitos afondarán na obra e no legado do autor. Estas sesións dirixiranse ao público universitario e poderán seguirse tamén por streaming. No seu marco, proxectarase a montaxe teatral A illa das mulleres loucas e editarase un libro de actas coas intervencións, que se repartirá como agasallo institucional durante o acto de clausura do Ano Seraogna, previsto para o 10 de maio de 2026, coincidindo coa data de publicación do poemario.
Nas mesmas datas organizaranse tamén roteiros literarios por espazos clave da vida e obra do autor, como a súa casa natal ou a Ponte do Cabalón, con lecturas poéticas integradas nos percorridos.
O acto de clausura incluirá a estrea dunha curta vídeo-poema, música en directo da man de Anxo Pintos —colaborador habitual de Pexegueiro—, e outras sorpresas.
O concelleiro de Ensino, Ricardo González, destacou que “o Ano Seraogna non só é unha oportunidade para achegar á sociedade a figura de Alfonso Pexegueiro, senón tamén unha ferramenta educativa que permite ao alumnado coñecer de primeira man o valor literario e simbólico da súa obra, tan vencellada a Ponteareas”.
Pola súa parte, a alcaldesa Nava Castro subliñou que “esta programación é unha homenaxe merecida a unha das voces máis singulares da nosa literatura. Celebrar o Ano Seraogna é poñer en valor non só o legado de Pexegueiro, senón tamén a capacidade de Ponteareas para inspirar e ser epicentro da creación cultural”.