O Concello de Ponteareas celebrou o Día Internacional do Pobo Xitano cunha xornada aberta á cidadanía baixo o título “Sentir o Pobo Xitano: unha viaxe a través dos sentidos”, unha proposta de convivencia, coñecemento e difusión da cultura xitana que reuniu veciñanza e comunidade nun espazo de encontro, participación e respecto mutuo.
A actividade desenvolveuse entre as 16:00 e as 19:30 horas diante da praza de abastos, nun espazo deseñado para achegar á cidadanía a cultura, a historia e a identidade do pobo xitano a través dunha experiencia sensorial, participativa e comunitaria.
A iniciativa tivo como obxectivo crear un espazo de encontro no que a veciñanza de Ponteareas puido coñecer de preto a realidade xitana, contribuíndo á eliminación de prexuízos e á celebración dunha identidade compartida, ao tempo que se promoveron valores como a convivencia, o respecto e a interculturalidade.
Entre os obxectivos específicos da xornada destacaron a divulgación histórica da traxectoria do pobo xitano, a participación activa da propia comunidade na transmisión da súa cultura, a fusión de tradicións locais coa simboloxía romaní e o recoñecemento institucional mediante a lectura dun manifesto e a tradicional Cerimonia do Río.
O espazo organizouse arredor de catro mesas temáticas, atendidas polas educadoras sociais coa colaboración de persoas referentes da comunidade.
Na Mesa 1: A vista – Historia e memoria, expúxose material bibliográfico, arquivos fotográficos e obxectos representativos que permitiron contextualizar o pasado e o presente do pobo xitano a través do soporte visual e documental.
Na Mesa 2: O oído – O son que nos une, a cidadanía puido achegarse a unha selección musical elaborada en colaboración coa comunidade xitana, con pezas representativas da súa cultura e dos momentos vitais máis significativos, como nacementos, vodas ou o dó. A actividade incluíu tamén a audición do himno da comunidade xitana.
A Mesa 3: O gusto e o olfacto – O aroma da hospitalidade converteuse nun dos espazos máis participativos da xornada, coa preparación dun café de pucheiro xitano guiado por unha muller da comunidade. O aroma e o sabor serviron como vehículo para crear un ambiente de confianza, encontro e irmandade.
Pola súa banda, a Mesa 4: O tacto – Deixando pegada acolleu a creación dun mural colectivo con símbolos clave da cultura xitana, como a roda, as rosas e as cores da bandeira, así como a confección dunha alfombra floral con pétalos, integrando a tradición alfombrista de Ponteareas coa simboloxía xitana.
A programación rematou ás 19:00 horas na Ponte Vella coa celebración da tradicional Cerimonia do Río, un acto solemne de grande simbolismo para a comunidade xitana, acompañado da lectura dun manifesto e dunha ofrenda floral.
Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas reafirmou o seu compromiso coa inclusión social, a igualdade e o recoñecemento da diversidade cultural como un valor fundamental da convivencia.
Esta actividade enmárcase no Programa de Emerxencia Social con Persoas en Risco de Exclusión Social 2025-2027, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, ao abeiro da Resolución do 30 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades locais para programas de inclusión social para os anos 2025-2027 (código de procedemento BS623C).



