O CONCELLO DE PONTEAREAS CONSEGUE A DECLARACIÓN DE ÁRBORE SENLLEIRA PARA O ALCANFOREIRO DO CASTELO DO SOBROSO
- Atópase na entrada do Castelo e pódese contemplar tanto dende a base como dende a torre
- É un dos únicos tres exemplares catalogados en Galicia
O Concello de Ponteareas consegue a inclusión do alcanforeiro do Castelo do Sobroso no Catálogo galego de árbores senlleiras. A alcaldesa Nava Castro e a concelleira de Medio Ambiente, Silvida Fdez Táboas, visitaron xunto á directora xeral de Patrimonio Natural, María Sol Díaz, o
Cinnamomun camphora do Castelo de Sobroso, que vén de ser catalogado polo seu porte, dendrometría e idade, así como pola súa significación histórica, e interese estético e paisaxístico.
“Estamos moi satisfeitos por esta catalogación dun elemento natural de grande beleza e importancia tanto medio ambiental como histórica. Unha árbore ao pé do Castelo ao que podemos achegarnos, contemplalo e aprender a historia desta fortaleza debaixo da súa sombra”, explica a alcaldesa ao tempo que engade que “a posta en valor do patrimonio natural, histórico ou etnográfico supón un paso máis para a dinamización económica, turística e social do concello”.
O alcanforeiro do Castelo pasa a ser un dos tres únicos tres exemplares catalogados en Galicia, os outros dous están no pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, e tan só un deles o supera, por pouco, en altura. O Alcanforeiro do Castelo de Vilasobroso ten tronco de grandes dimensións e comeza a ramificarse a case dous metros de altura, en grandes ramas que se distribúen radialmente ao redor do tronco, formando unha cruz moi ampla que dá lugar a unha gran copa, globosa e de gran volumetría.
Esta árbore, xa senlleira, pódese contemplar tanto dende abaixo, na entrada do Castelo, como dende o máis alto da torre. Adianta a concelleira de Medio Ambiente que se deseñarán accións específicas para divulgar a importancia desta árbore e da contorna natural do Castelo así como do resto do patrimonio natural do Concello. “Somos o primeiro concello galego en aprobar unha estratexia de infraestrutura verde, un paso firme no noso compromiso por preservar e medrar en harmonía co medio ambiente. A aprobación da infraestrutura verde permitiranos ademais optar a apoios doutras administracións para a conservación, difusión e posta en valor da riqueza natural de Ponteareas”.
O alcanforeiro (Cinnamomum camphora (L.) Siebold) é unha árbore subtropical sempre verde da familia das lauráceas que se cultiva como ornamental en varios puntos da Península Ibérica, alcanzando o seu máximo esplendor na costa galega polas súas particulares condicións climáticas. Pode acadar os 30 m de altura, con tronco robusto cuberto de casca agretada e dividida en placas. A súa madeira é fácil de pulir, empregándose para elaborar mobles, en ebanistería e acabados de interior. Pero se por algo é realmente coñecido o alcanforeiro é porque até mediados do século XX boa parte do alcanfor empregado en medicina e perfumería procedía da destilación da súa madeira, polo que era amplamente cultivado en varios países tropicais. É unha especie orixinaria de Asia tropical, Malasia, Taiwán e Xapón.