• O goberno aposta pola zona deportiva e de lecer da Freixa como pulmón verde e de fomento de hábitos de vida saudable
• O Concello destina 58.146,71€ a construción deste novo servizo básico
O Concello de Ponteareas informa que vén de adxudicar as obras para dotar ás pistas municipais de tenis de vestiarios, aseos e almacén. O goberno de Ponteareas responde así a unha demanda histórica do Club Tenis Ponteareas no que adestran centos de veciñas e veciños de toda a comarca e que non dispuña de baños. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, amosan a súa satisfacción e adiantan que as obras comezarán o antes posible “ao ser un servizo indispensable para a práctica deportiva e unha débeda histórica con este club”.
Nava Castro engade que este é un paso máis para revalorizar esta zona que ofrece un servizo indispensable para o tempo de lecer e a práctica deportiva ao lado do centro urbano. “Apostamos pola Freixa e a contorna de Pardellas como un pulmón verde, de desfrute para as familias e de fomento de hábitos de vida saudable”.
As pistas de tenis están na zona do Barranco na Freixa, un espazo natural e deportivo na contorna do campo de Pardellas e da praia fluvial da Freixa no que veciñas e veciños adestran a diario en distintas modalidades como atletismo, hípica, ciclismo ou volley ball, entre outras modalidades.
O Club Tenis Ponteareas organiza probas deportivas de alcance estatal como o Open de Tenis Vila do Corpus no que participaron preto dun cento de tenistas de diferentes clubs.
Agora o concello, co apoio da Xunta de Galicia que aporta o 80% do custo final da obra, transformará unha caseta existente na zona nunha construción de estética similar aos chiringuitos da Freixa cuberta de madeira termotratada que albergará dous vestiarios independizados por sexos, un vestiario/aseo adaptado e un almacén.
O concelleiro de Deportes informa que a obra foi adxudicada en 58.146,71€ e contarán cun prazo de catro meses para executalas e entrar canto antes en funcionamento.

