O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Vías e Obras, informa de que vén de conseguir a recolocación dun poste de telefonía que estaba a prexudicar a seguridade das veciñas e veciños do barrio de Viñal, na parroquia de Bugarín, dando así resposta a unha demanda trasladada pola propia veciñanza.
O tenente de alcaldesa e concelleiro responsable, Juan Carlos González Carrera, salienta a importancia de manter unha colaboración directa coa cidadanía para mellorar o día a día de todas e todos, atendendo as necesidades que se detectan nos distintos barrios e parroquias do municipio, neste caso, dende había anos un poste de telefonía impedía a correcta visibilidade e estreitaba o paso tanto de peóns como de vehículos. O Concello insistíu na solicitude e fixo unha exhaustiva labor de seguimento para que non se prolongara máis esta situación de inseguridade.
A brigada municipal de Vías e Obras continúa a traballar no mantemento diario de beirarrúas, estradas e camiños municipais, así como dos espazos públicos, co obxectivo de garantir a seguridade e a accesibilidade. Estas actuacións forman parte do plan permanente de conservación e mellora das infraestruturas locais que o Concello desenvolve en todo o termo municipal.



