HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas convida á inauguración da exposición “Alfombras de Andante´s”

O Concello de Ponteareas convida á inauguración da exposición “Alfombras de Andante´s”

- Anuncio -spot_img

A mostra conta tamén coa achega da nova artista e deseñadora local Uxía Loureiro, quen creou para a ocasión unha obra especial vestindo a horma con flores

O Concello de Ponteareas convida á veciñanza e ás persoas amantes da arte contemporánea a participar na inauguración da novidosa exposición “Alfombras de Andante´s”, unha mostra singular promovida pola Fundación Andante e o Concello de Ponteareas que establece un diálogo creativo entre a arte contemporánea e a tradición das alfombras florais do Corpus Christi de Ponteareas.

A inauguración terá lugar o mércores 17 de decembro en Artistea, a Residencia de Artistas de Ponteareas, e reunirá unha selección de obras pertencentes á Colección Andante, todas elas creadas a partir dunha horma de zapato como elemento común e inspiradas, neste caso, nas alfombras do Corpus.

Propostas doutros países e tamén de creadores locais

Na exposición participan 25 artistas de recoñecido prestixio, entre eles nomes destacados da creación galega como Carmen Touza, Gonzalo Selles, Luis Carré, María Xosé Díaz ou Paula Cabaleiro, xunto con artistas procedentes doutras comunidades de España, así como de Venezuela e México ou Xapón. A mostra conta tamén coa achega da nova artista e deseñadora local Uxía Loureiro, quen creou para a ocasión unha obra especial vestindo a horma con flores.

Como novidade, e establecendo unha ponte simbólica entre a arte e a función orixinal da horma, a exposición complétase por primeira vez cunha colección de zapatillas deportivas usadas e doadas por figuras moi recoñecidas do deporte e da cultura, como Rafa Nadal, Pau Gasol, Iker Casillas ou Marc Márquez, entre outros, en apoio aos fins sociais e culturais da Fundación Andante.

Entre as actividades paralelas ao evento está prevista a celebración dun curso de fotografía dirixido polo prestixioso fotógrafo Kake Regueira, que incluirá unha parte práctica a desenvolver coincidindo coa próxima edición das alfombras do Corpus 2026.

A mostra permanecerá aberta ao público ata mediados de xaneiro de 2026, ofrecendo unha oportunidade única para achegarse a unha colección aberta, diversa e en constante crecemento, cunha forte vinculación coa identidade cultural de Ponteareas.

A alcaldesa Nava Castro convida a toda a cidadanía a visitar esta exposición para todos os públicos e tamén a participar no taller de fotografía. “A residencia Artistea está en continua actividade acollendo propostas creativas que ofrecen á cidadanía unha acción de lecer e tamén unha acción formativa achegando así os coñecementos de artistas doutros lugares e de todo tipo de disciplinas”.

Sobre a Colección e a Fundación Andante

ANDANTE é unha colección de arte contemporáneo creada a partir da horma de zapato como elemento integrador, coa vontade de abarcar todos os campos creativos: pintura, escultura, fotografía, literatura, arquitectura, debuxo, gravado, danza, música ou gastronomía.

Todas as pezas da colección son doazóns altruístas dos seus creadores, sendo este o único requisito para a incorporación de novas obras. Defínese como unha colección aberta, democrática e atemporal, iniciada a comezos de 2010 coincidindo co Ano Santo Xacobeo en Galicia, coa vocación de seguir medrando mentres exista unha horma virxe e alguén disposto a transformala en arte sen contraprestación económica.

A colección deuse a coñecer publicamente a finais de 2010 con exposicións na Fundación Vicente Risco de Allariz e na Sala de Arte de El Correo Gallego en Santiago de Compostela. Desde entón, foi exhibida en numerosos museos e centros de arte como o MACUF (A Coruña), Marcos Valcárcel (Ourense), El Albeitar (León), A Fábrica do Chocolate (Zaragoza) ou o Museo do Azulexo “Manolo Safont” (Onda, Castellón).

No ámbito internacional, a Colección Andante formou parte da Bienal de Arte Contemporánea de Madeira en 2014 e chegou en 2019 á cidade de Quito (Ecuador). En 2011 incorporouse a peza número 500, creada por Alberto Corazón, Premio Nacional de Deseño (1989). Na actualidade, a colección supera xa as 1.000 obras.

A Fundación Andante foi clasificada polo Consello da Xunta de Galicia como Fundación de Interese Cultural (DOG nº 77, 21 de abril de 2017).

Publicacións Relacionadas