O Concello de Ponteareas destaca a mellora da estrada PO-253 grazas á colaboración institucional

Redacción
Lectura mínima de 2

O Concello de Ponteareas vén de supervisar as obras de asfaltado que está a executar a Xunta de Galicia na estrada PO-253, que conecta o municipio na parroquia de Prado co concello de Pazos de Borbén.

A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, visitaron a zona acompañados polo concelleiro de Deportes, onde puideron comprobar de primeira man o avance dos traballos ao longo dos 13 quilómetros de percorrido.

O tenente de alcaldesa destacou que as obras actuais supoñen un investimento de 943. 860 euros en total en todo o tramo, correspondendo ao tramo de Ponteareas un investimento de 568.082 euros, reforzando así o compromiso das administracións coa mellora das infraestruturas viarias no municipio.

Esta actuación dá continuidade ás melloras realizadas o pasado ano pola Deputación de Pontevedra, que investiu 710.000 euros nun proxecto centrado na seguridade viaria entre Ponteareas e Pazos de Borbén. Aquel proxecto abrangueu un tramo de once quilómetros e permitiu a instalación de sistemas de contención, a construción de cunetas de seguridade e a mellora do drenaxe da vía.

A alcaldesa Nava Castro puxo en valor a importancia da colaboración entre administracións para facer realidade actuacións que repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza. “É fundamental xestionar de maneira coordinada con outras institucións para acadar melloras significativas no día a día das nosas veciñas e veciños como esta que se executa agora unha obra tan necesaria como esta que facilita o tránsito, mellora a seguridade e contribúe a poñer en valor o noso rural”, sinalou.

O goberno municipal subliña que este tipo de intervencións son clave para garantir unhas comunicacións seguras e eficientes, especialmente nas zonas rurais, avanzando así nun modelo de territorio máis equilibrado e cohesionado.

Comparte este artigo