HomePontevedraO CondadoO concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra impulsan as xornadas...

O concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra impulsan as xornadas artísticas “Crear Pontes”

- Anuncio -spot_img

O encontro ‘Crear Pontes’ desenvolverase o 27 de novembro no Museo de Pontevedra e o 12 de decembro no espazo Artistea de Ponteareas

O Concello de Ponteareas en colaboración coa Deputación de Pontevedra pon en marcha as xornadas ‘Crear Pontes: Encontro sobre Residencias Artísticas’. Segundo explicoua concelleira de Emprendemento, Silvia Fdez. Táboas, “trátase dun encontro dirixido a profesionais da creación, da xestión cultural e da investigación, centrado na análise das residencias artísticas como motores de innovación, colaboración e transformación cultural e social”. Desenvolverase en dúas xornadas: a primeira no Museo de Pontevedra o xoves 27 de novembro e a segunda en Ponteareas o venres 12 de decembro.

Este proxecto foi presentado hoxe no Pazo provincial pola alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, a concelleira de Emprendemento de Ponteareas,  directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, e o coordinador do encontro, Diego Parajó. Ángeles Tilve expuxo a importancia que nos últimos anos cobraron as residencias artísticas: “Trátase dun formato que favorece a reflexión, a experimentación e o intercambio, xa que grazas a elas, as e os artistas teñen a oportunidade de investigar, conectar con novos contextos, establecer vínculos profesionais e comunitarios, e desenvolver proxectos que, doutra maneira, serían difíciles de levar a cabo”.

A alianza co Museo de Pontevedra permite  colaborar con institucións de referencia a nivel internacional como son o Centro de Residencias Artísticas Matadero Madrid e a Fundación Walter Leblanc de Bruxelas fortalecendo o percorrido profesional das e dos artistas emerxentes e ofrecéndolles redes internacionais “que consolidan así o noso papel como territorio que apoia e impulsa a creatividade actual”, sinalou Tilve.

Artistea como motor

A edil de Emprendemento informou que  dende a posta en marcha de Artistea, primeira residencia artística 100% municipal, ofrécense residencias artísticas que posibilitan un espazo de reflexión e intercambio de coñecementos que o Concello completar con clases maxistrais, visitas guiadas e promovendo o coñecemento da vila. Na presentación, a alcaldesa Nava Castro expuxo que “estamos convencidos de que a creación artística ten a capacidade de xerar riqueza, de xerar emprego” e por iso desde o seu concello desenvolveron “o primeiro espazo para residencias artísticas cento por cento municipal, público, no que xa levamos cinco residencias desenvolvidas”.

O coordinador de ‘Crear Pontes’, Diego Parajó, explicou que estas xornadas “parten de entender as residencias como motores de transformación, como estruturas que conectan prácticas artísticas, pensamento crítico, innovación e participación cidadá”. O programa de relatorios, mesas redondas e actividades participativas permitirán ás persoas asistentes “achegarse a este fenómenos desde diversos ángulos: modelos de xestión, inserción territorial, redes institucionais, financiamento, impacto social, acompañamento artístico e relacións co tecido educativo”.

A primeira xornada desenvolverase o xoves 27 de novembro no Museo de Pontevedra, con conferencias, mesas redondas, espazos de networking e dinámicas grupais arredor de tres temas: redes de cooperación, redes de saberes e profesionalización do sector. Participarán, entre outras persoas, Verónica Santos, actual directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura; André Rodrigues, coordinador de proxectos europeos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; a xestora cultural Eva Mejuto; ou as artistas Iria Vázquez e Laura Tabarés.

A segunda xornada será o venres 12 de decembro en Ponteareas, centrada nas boas prácticas, no impulso desde o local e a difusión, documentación e retorno da experiencia. Nesta segunda data participarán, entre outras, a avogada especializada en dereito da cultura Ania González; a directora do Centro de Arte María José Jove, Susana González; a crítica de arte Mónica Maneiro; e a comisaria e xestora cultural Sara Donoso.

A inscrición está aberta en https://portal.ponteareas.gal/crear-pontes/, onde tamén se pode consultar o programa completo.

Publicacións Relacionadas